Ourense celebra o sábado o seu III Torneo de Mus polo San Martiño con máis de medio cento de parellas inscritas

OurenseXa
A competición repartirá prazas para os campionatos de España e Galicia nunha xornada que se prolongará dende a mañá ata a noite
Mus Ourense 2026
4 Nov 2026

O Liceo de Ourense será este sábado 7 de novembro o escenario do III Torneo de Mus Concello de Ourense - San Martiño, unha cita que se enmarca dentro do programa de actividades organizado con motivo desta festividade. A presentación do evento tivo lugar esta mañá no salón de plenos do Concello, coa participación de representantes municipais e da Asociación de Museros de Ourense (AMOU).

A competición desenvolverase ao longo de toda a xornada, comezando ás 10.00 horas e cun formato de eliminatorias que, segundo as previsións da organización, se estenderá ata arredor das 22.00 horas. As persoas participantes competirán non só por trofeos e agasallos, senón tamén por facerse con algunha das prazas que dan acceso aos campionatos de España e de Galicia.

Segundo os datos facilitados durante a presentación, xa se inscribiran arredor de cincuenta parellas, aínda que a organización confía en superar amplamente o cento, dado que o prazo de inscrición seguirá aberto ata o propio día do torneo.

O evento conta co patrocinio do Concello e busca reforzar a proxección dunha modalidade de xogo que, segundo os organizadores, non deixa de gañar adeptos na cidade. A AMOU agrupa na actualidade a máis de mil persoas asociadas, mentres que a liga local, que se xoga todos os xoves, convoca habitualmente a máis de 800 xogadores e xogadoras, cunha presenza feminina notablemente superior á que se rexistra noutras cidades.

Dende a asociación púxose en valor o atractivo competitivo desta cita pola posibilidade de clasificarse para torneos de maior nivel, ademais de subliñarse o peso que ten o mus entre a poboación ourensá, cunha proporción de xogadores que, segundo se indicou, estaría entre as máis altas de España en relación co número de habitantes.

Por parte municipal destacouse tamén a dimensión social desta actividade, que para moitas persoas se converteu nun novo costume semanal de encontro e relación, xerando un ambiente singular cada xoves arredor das partidas.

O Mus, parte da programación do San Martiño 2026

O torneo intégrase no calendario de actos previstos polo Concello para celebrar o San Martiño 2026. Ese mesmo sábado, a Sala Valente acollerá entre as 10.00 e as 13.00 horas un obradoiro de confección de pequenos instrumentos musicais de raíz, a cargo de Xavier Blanco, ao que seguirá unha representación didáctica ás 19.00 horas.

O domingo, dende as 11.00 horas, celebrarase a tradicional Carreira Popular do San Martiño, que este ano bateu o seu récord histórico de inscricións, con 11.057 deportistas apuntados.

Os actos centrais da festividade terán lugar o mércores 11, co tradicional magosto na Praza Maior e na Alameda ás 18.00 horas, un Festival de Folk á mesma hora e un baile a partir das 19.00 horas amenizado pola orquestra Los Satélites.

0.16426801681519