Ourense celebrará o vindeiro luns o Encontro de Xornalismo Social ‘Somos Esenciais’

OurenseXa
A cita, de entrada libre e gratuíta, reunirá a profesionais premiados e finalistas da última edición dun galardón que recoñece os traballos xornalísticos centrados en problemáticas sociais de Galicia
II Encontro Xornalismo Social Ourense
7 Nov 2026

O Liceo de Ourense, situado na rúa Valentín Lamas Carbajal, será a sede este luns 9 de novembro da segunda edición do Encontro de Xornalismo Social ‘Somos Esenciais’. A cita comezará ás 18.30 horas e está organizada polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, coa colaboración da cadea de supermercados Gadis.

O evento, que non require inscrición previa nin pagamento de entrada, xorde vinculado ao premio do mesmo nome, un galardón que distingue o traballo de xornalistas que dan visibilidade ás problemáticas que afectan a distintos colectivos sociais. Segundo explicaron os organizadores, a intención do encontro é achegar ao público xeral o labor que hai detrás deste tipo de xornalismo.

Entre os participantes atópanse María Rodríguez e Carlos G. Hervella, recoñecidos co VI Premio de Xornalismo Somos Esenciais polo seu traballo “Megaincendios na provincia de Ourense. A traxedia das chamas”, un conxunto de pezas xornalísticas sobre os incendios forestais que o xornal ourensán O Sil publicou na súa edición de setembro de 2025. Durante a xornada, ambos os dous xornalistas repasarán como foi o proceso de elaboración deste traballo e porán de relevo a dificultade de abordar un tema con tantas implicacións sociais desde un medio de ámbito local.

O acto contará tamén coa participación de Brais Lorenzo e Cláudia Morán, en representación do colectivo Habitar o Baleiro, que quedou finalista nesa mesma edición do premio. Este grupo, integrado ademais por Sol Mendiguchía, Alba Moledo e Sergio Pascual, foi distinguido pola serie de nove reportaxes “Habitar o baleiro: luces e sombras do rural galego”, publicada en Sermos Galiza —o suplemento de Nós Diario— entre o 25 de xaneiro e o 6 de decembro de 2025. A súa intervención no encontro buscará afondar en como contar a realidade do rural galego desde o xornalismo, coa intención de achegar olladas que se afasten dos tópicos e que, sen renunciar ao realismo, inclúan tamén unha perspectiva máis esperanzadora.

Este encontro ten o obxectivo de pór en valor o traballo das e dos xornalistas que se adican a cubrir asuntos de interese social en Galicia. Complementa así a convocatoria do premio homónimo, que ambas as dúas entidades puxeron en marcha en 2021 para recoñecer o mellor traballo xornalístico sobre a Covid-19 e que, co paso do tempo, se consolidou como un recoñecemento ao xornalismo centrado en temática social.

0.16734313964844