Ourense convértese no punto de referencia científica e asistencial en cirurxía de mama

OurenseXa
Especialistas en de toda España reúnense en Ourense no III Congreso da Asociación Española e Portuguesa de Cirurxáns da Mama
Sevizo de cirurxía do CHUO
7 May 2026

Ourense convértese desde este xoves no epicentro da cirurxía de mama coa celebración do III Congreso da Asociación Española e Portuguesa de Cirurxáns da Mama (AEPCIMA), unha cita internacional organizada polo Servizo de Cirurxía do Hospital Universitario de Ourense que reúne a profesionais de España e Portugal para analizar os principais avances no tratamento desta patoloxía.

O encontro sitúa a cidade como punto de referencia científica e asistencial nun ámbito no que a actividade sanitaria é especialmente relevante. Na Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras realízanse arredor de 400 intervencións de cancro de mama ao ano, nun circuíto multidisciplinar no que participan servizos como Cirurxía, Oncoloxía Médica, Oncoloxía Radioterápica, Radiodiagnóstico, Anatomía Patolóxica, Medicina Nuclear e Enfermaría, entre outros.

O xefe do Servizo de Cirurxía do Hospital Universitario de Ourense, Manuel García, sinala que “acoller este congreso é un orgullo para o noso servizo e para toda a Área Sanitaria, porque permite compartir en Ourense coñecemento, experiencia e innovación con especialistas de toda a península, nun momento de profunda evolución da cirurxía de mama”.

Un dos eixos centrais do congreso é a cirurxía robótica de mama, unha técnica na que a Unidade de Mama do hospital ourensán conta cunha das experiencias máis consolidadas do Estado. Este tipo de intervención permite abordaxes menos invasivas en casos seleccionados, especialmente en mastectomías con reconstrución, reducindo o tamaño das incisións e o impacto estético.

Segundo explican desde o servizo, a cirurxía robótica achega maior precisión, menor agresión aos tecidos e unha recuperación potencialmente máis rápida, sen perder a seguridade oncolóxica. Neste sentido, Manuel García apunta que “a cirurxía de mama cambiou de maneira moi importante nas últimas décadas. Pasamos a unha cirurxía cada vez máis precisa, máis conservadora e máis personalizada. A robótica é un paso máis nesa evolución, porque nos permite manter a seguridade oncolóxica e, ao mesmo tempo, reducir o impacto da intervención”.

O doutor tamén destaca a importancia de integrar a innovación con criterio clínico: “A tecnoloxía só ten sentido cando achega valor real ás pacientes. O importante non é incorporar innovación por si mesma, senón facelo con criterio clínico, seleccionando ben os casos e integrándoa nun equipo multidisciplinar, que acompaña á paciente desde o diagnóstico ata o seguimento”.

O programa científico inclúe cursos previos celebrados este mércores con sesións de cirurxía endoscópica e formación en ecografía mamaria, ademais da participación de numerosos especialistas de referencia.

A xornada do xoves arrincará cun bloque denominado “Cirugía sen filtro”, con cirurxía en directo desde dous quirófanos: un centrado en cirurxía robótica e outro en cirurxía endoscópica. Posteriormente abordaranse cuestións como a reconstrución mamaria, a conservación extrema da mama, o tratamento en pacientes que requiren radioterapia ou a aplicación da intelixencia artificial ao diagnóstico e seguimento.

O venres continuará o programa con novas sesións de cirurxía, centradas no lipofilling e na redución mamaria, ademais dunha conferencia do investigador Ángel Carracedo sobre riscos xenéticos e estratexias actuais. Tamén se celebrará unha mesa específica sobre o manexo da axila en 2026, na que se analizarán novas estratexias terapéuticas e consensos multidisciplinares.

O congreso complétase coa presentación das mellores comunicacións científicas, a revisión de artigos destacados de 2025, a selección de fotografías clínicas e a asemblea xeral da asociación.

0.12294697761536