Ourense destinará 100.000 euros a proxectos sociais de atención a mulleres vulnerables

OurenseXa
O programa de apoio para mulleres en situación de vulnerabilidade da Deputación de Ourense contará, por primeira vez, coa súa propia convocatoria
Xunta_de_Goberno_Deputacion_Ourense
Xunta de Goberno da Deputación de Ourense
7 may 2024

O goberno provincial, presidido por Luis Menor, vén de traballar na reformulación da estratexia e das liñas de axudas en concorrencia competitiva dirixidas a proxectos de entidades sociais. Así, unha das decisións adoptadas foi a de redeseñar a convocatoria única anual das axudas a entidades sociais en dous programas novos, cada un coas súas propias bases reguladoras, as súas prioridades e, sobre todo, os seus colectivos beneficiarios prioritarios. De feito, ambas novas convocatorias foron publicadas no Boletín Oficial da Provincia (BOP) do pasado 16 de abril.

No que atinxe aos proxectos para a atención integral de mulleres en situación de especial vulnerabilidade social, a Deputación quere impulsar a toma de conciencia do feito de que os desequilibrios e discriminacións fundamentadas no xénero parten xa de un factor discriminatorio. Por este motivo é polo que a Deputación impulsa que esta realidade social teña unha nova convocatoria provincial propia e exclusiva para mulleres en situación de vulnerabilidade. O orzamento para esta nova liña de axudas é de 100.000 euros.

Respecto aos proxectos para a atención a persoas con enfermidades crónicas, persoas con discapacidades ou familiares, para a Deputación resulta fundamental recoñecer o papel que representa o movemento asociativo para mellorar o benestar destas persoas, coa fin de desenvolver ferramentas de atención e mellora da súa calidade de vida, flexibilizando tamén os canais para a súa atención e apoio. Neste senso, todos os proxectos que cubran estas necesidades, que xa contaban con financiación provincial, así como novas iniciativas, terán desde 2024 unha convocatoria específica dotada para este exercicio con 200.000 euros.

Un incremento do 15%

O goberno provincial decidiu incrementar nun 15% o importe destinado ás novas convocatorias en concorrencia competitiva, alcanzando así os 300.000 euros para proxectos sociais. No pasado exercicio, o importe co que se dotou o apoio ás entidades sen ánimo de lucro para o desenvolvemento das súas iniciativas foi de 255.000 euros.

Para a institución provincial, a solvencia acreditada das entidades é un valor para a administración. Así, a Deputación considera ás entidades como interlocutoras solventes, sobre todo nun ámbito como é o social, xa que a súa realidade lles permite unha penetración que non sempre se atopa ao alcance das administración. Así, en 2023 cofinanciáronse 63 proxectos, cun custe global de 575.000 euros, polo que a financiación media provincial alcanzou un 44%.

Presentación de solicitudes

As solicitudes a estas convocatorias presentaranse telemáticamente, antes do 16 de maio, a través do Rexistro Xeral da Deputación, no epígrafe determinado para esta convocatoria, empregándose o formulario que está accesible desde a web da Deputación de Ourense www.depourense.es.

Tras finalizar o prazo de presentación, valoraranse as solicitudes. A contía máxima que se pode alcanzar é de 15.000 euros por entidade, tanto para atención a mulleres en situación de especial vulnerabilidade como para atención a persoas con enfermidades crónicas e persoas con discapacidades. A previsión da Área de Benestar da Deputación é publicar no actual trimestre a resolución da adxudicación das axudas.