Ourense estrea un novo programa deportivo para os nenos e nenas de toda a provincia

OurenseXa
Titulado “Encontros de Escoliñas nos concellos”, levará inicialmente actividades a Maceda, Barbadás, Ribadavia, Xinzo de Limia, Pereiro de Aguiar e San Cibrao das Viñas
programa-escoliñas-deportivas-maceda
Programa “Encontros de Escoliñas nos concellos” en Maceda
7 Feb 2025

A Deputación de Ourense, dentro da súa estratexia de promoción do deporte e do ocio saudable, estrea “Encontros de Escoliñas nos concellos”, un programa de convivencia de entidades deportivas de concellos da provincia, integradas por nenos e nenas entre 3 e 14 anos. As actividades, que se estenderán inicialmente ata o mes de xuño, arrancaron a súa primeira experiencia a pasada fin de semana en Maceda, con centos de rapaces que se iniciaron en modalidades como o mini basket ou o fútbol sala.

Esta iniciativa, cuxo obxectivo é formar na etapa inicial aos nenos participantes, sen cinguirse estritamente á división de equipos e escolas por idades e categorías federativas. Baixo esta premisa, o programa pretende ser unha “primeira toma de contacto” para moitos nenos e mozos do rural nas diferentes modalidades deportivas.

As sedes iniciais, que acollerán diferentes actividades e modalidades deportivas, son Maceda, Barbadás, Ribadavia, Xinzo de Limia, Pereiro de Aguiar e San Cibrao. Dende o Servizo de Deportes da Deputación reitérase a predisposición da Deputación de Ourense a que calquera concello interesado en acoller esta iniciativa, se anote.

Por outra banda, a iniciativa fará especial fincapé naquelas modalidades deportivas máis minoritarias e que demandan máis apoio institucional para o seu desenvolvemento, estando abertos á integración de novas modalidades deportivas.

O programa, que promove un estilo de vida activo a través do deporte, tamén quere proporcionarlles aos nenos un adecuado ensino deportivo, así como satisfacción persoal e diversión.

Os rapaces de entre 3 e 14 anos do concello de Maceda foron os primeiros da provincia en gozar dos Encontros Escoliñas, con partidos dende a modalidade “biberón”, para os máis pequenos, co obxectivo de que estes rapaces teñan a súa primeira toma de contacto cunha modalidade deportiva. As seguintes actividades serán o próximo 22 de febreiro, en Barbadás.

Fútbol, baloncesto, balonmán, baile ou kárate son algunha das modalidades que formarán parte do proxecto.

Ademais, xa se prepara unha gala final do proxecto, que será previsiblemente no mes de xuño no Pazo dos Deportes Paco Paz.

 

0.16626906394958