Ourense estrea unha marquesiña provisional na estación de tren para dar cobertura á zona de taxis

A estación de tren de Ourense conta desde esta semana cunha nova marquesiña provisional que dá cobertura á zona reservada para o estacionamento de taxis. A estrutura, de carácter metálico e independente do resto do edificio, mide 6,5 metros de ancho, 5 metros de altura e ten unha lonxitude total de 32,4 metros.
A instalación sitúase no mesmo punto onde se prevé que se erga a marquesiña definitiva e permanecerá operativa durante todo o proceso de remodelación integral da estación, de xeito que os usuarios non teñan que agardar á finalización das obras para dispor desta cobertura. A súa posta en marcha responde a unha petición que, segundo se trasladou, taxistas e viaxeiros viñan formulando desde hai tempo a distintas administracións.
A obra foi supervisada esta mesma mañá polo subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, quen estivo acompañado polo director adxunto de Construción en Adif Alta Velocidade, Juan Pablo Villanueva; a deputada no Parlamento galego Carmen Rodríguez Dacosta, e a concelleira no Concello de Ourense Natalia González.
Esta marquesiña enmárcase dentro dun modificado de crédito aprobado por Adif co obxectivo de completar as obras da futura estación intermodal de Ourense. Trátase dunha actuación dotada cun investimento de 115 millóns de euros, que contempla triplicar o espazo dispoñible para os viaxeiros na terminal e dotala de once vías, co fin de responder ao incremento de tráfico vinculado á alta velocidade e á modernización da liña con Lugo.
Os traballos da estación intermodal atópanse actualmente nas súas primeiras fases. Entre as actuacións xa en marcha figuran a reconfiguración de vías e das instalacións de electrificación, a liberación de espazos necesarios para os apoios da futura cubrición parcial de vías, así como a reposición de instalacións, conducións e servizos que se viron afectados polas obras.
Desde a chegada da alta velocidade a Ourense, o número de viaxeiros na estación medrou un 135 %, superando na actualidade os 2,2 millóns de usuarios anuais, unha cifra que se enmarca no conxunto de actuacións que se están a desenvolver na infraestrutura ferroviaria da cidade.