Ourense outórgalle o título de honra de Filla Predilecta da Provincia á cardióloga Marisa Crespo
OurenseXa
O presidente provincial, Luis Menor, recalcou que “estamos ante unha das persoas con maior prestixio de Ourense”
7 Jul 2024
A doutora Marisa Crespo é, desde este sábado, Filla Predilecta da provincia, logo do acto solemne onde se lle fixo entrega a esta cardióloga ourensá, oriunda de San Cristovo de Cea, do título honorífico con esta distinción institucional outorgada pola Deputación de Ourense. Súmase así a otros recoñecementos institucionais como a Medalla Castelao da Xunta de Galicia (2019); a Medalla de Ouro e Brillantes do Colexio de Médicos de A Coruña (2020); Filla Predilecta do Concello de Cea (2020); Premio ao “Médico Hipocrático” da Sociedade Española de Cardioloxía (2021); Premio “Agora do Orcellón”, promovido por o Instituto de Estudios Carballiñeses, (2021).
O presidente provincial, Luis Menor, recalcou ante o ateigado salón de actos do Centro Cultural Marcos Valcárcel, que “estamos ante unha das persoas con maior prestixio de Ourense, unha eminencia nun ámbito tan especializado como a Cardioloxía” e recalcou que “grazas ao traballo, á traxectoria, á excelencia e a calidade humana e profesional de Marisa, facemos un Ourense máis grande, unha provincia mellor”.
Marisa Crespo agradeceu emocionada o recoñecemento da Deputación, e articulou un discurso centrado nos seus grandes piares: a súa terra, a súa profesión e a súa xente. Lembrou que é natural de Santrós, parroquia de San Martin de Lamas, no concello de Cea, de fama internacional polo seu pan “onde o pan é arte”.
Tivo un recordo para os seus pais Mº Generosa Leiro e Modesto Crespo. “Parecese que os seus nomes dalgunha maneira ensináronnos á miña irmá Maria e a min o camiño da entrega e da discreción. A miña nai mestra, filla de mestres e moi vocacional. No seu obituario díxose dela “que puxo en práctica todas as benaventuranzas. O meu pai, Modesto, industrial madeireiro (que non puido ter estudos superiores) mostrounos a relevancia dos valores: honestidade, afán por aprender e capacidade de gozar coa tarefa diaria. A miña irmá Maria, médico do centro penal de Pereiro Aguiar, un exemplo de compromiso e entrega cos demais”.
Lembrou que a súa primeira escola foi no medio dun monte e sen luz eléctrica, en contacto pleno coa natureza. Logo, interna no colexio carmelitas de Ourense, estudou Medicina en Santiago de Compostela. No hospital Cristal-Piñor fixo prácticas de medicina coa Dra Pilar Lamela, e o curso rotatorio de 6º medicina no Hospital Santa Maria Nai, co Dr Manolo de Toro, no servizo de Medicina Interna que dirixía o Dr Jose Fernández. Especialista en Cardioloxía na Clínica Puerta de Hierro de Madrid, destacando ao seu mentor Luis Pulpón. Tras apenas 1 ano de traballo en Toledo, como cardiólóga, desde 1993 traballa no CHUAC (A Coruña) , onde dirixe a Unidade de Insuficiencia Cardíaca e Transplante cardíaco.
A importancia do traballo en equipo
Quixo referir Marisa Crespo no seu discurso a importancia do traballo en equipo. “O éxito do programa de transplantes do CHUAC na Coruña é o traballo en equipo. Somos unha cadea, que é tan forte como en máis débil dos seus elos. O noso traballo é dunha enorme complexidade. Non só é necesario que un cirurxián sexa moi experto ou un médico moi traballador e sabio. Nun só transplante traballan moitísimas persoas con diferentes responsabilidades, todas importantes, por sinxelas que parezan. Calquera erro nalgunha delas pode levar ao fracaso e a morte do paciente. De aí a importancia de coidar a todo o equipo”, expilicou, ao tempo que deixou claro que “sen doantes non hai transplantes. E Ourense merece un recoñecemento público por ser unha provincia cunha alta taxa de doazón de órganos para transplante, por encima da media nacional”.
“A Medicina ensinoume moitas cousas, unha delas foi a de tratar de empatizar co paciente, a persoa que sofre. E entender sempre á outra parte, á súa familia, á súa contorna, ás súas circunstancias. Isto é unha aprendizaxe continua. O meu obxectivo resúmoo nunha frase: tratar ao paciente como a min me gustaría ser tratada.
Marisa Crespo agradeceu emocionada o recoñecemento provincial: “Grazas á Deputación de Ourense, na persoa do seu presidente, Luis Menor, que me outorga este recoñecemento que non pode ser máis motivador para min. Agora síntome máis obrigada que nunca a continuar a senda de traballo, investigación e entrega a unha profesión que naceu claramente para axudar aos demais”.
Lecturas do expediente e da laudatio
Logo da lectura do expediente a cargo da instructora do mesmo, a deputada provincial Patricia Torres, o xefe do Servizo de Cardioloxía do CHUAC, José Manuel Vázquez Rodríguez, deu lectura á laudatio da homenaxeada destacando a calidade humana e a excelencia no exercicio da súa profesión da Filla Predilecta da provincia: “Marisa exemplifica de un modo moi preciso a evolución da nosa sociedade ourensana dende as últimas décadas do século XX, dende un medio rural máxico, pero atrasado, ata os contornos sociais mais avanzados do mundo. Ela é una verdadeira embaixadora dos valores galegos de solidariedade, traballo duro e compaixón”. Neste senso, tamén proclamou que a doutora Crespo “é unha profesional de prestixio mundial, que é profundamente ourensana, orgullosa da súa terra, que trata de lla mostrar a toda persoa que coñece. Ela fainos ver que non é incompatible ser cidadá do mundo e ao mesmo tempo ter unhas fortes raíces en Ourense. O moito que ela presume da súa terra é probablemente un motivo mais para ser merecedora de esta homenaxe que hoxe lle fai o pobo de Ourense”.
No ámbito estrictamente profesional, o xefe de Servizo de Cardioloxía do CHUAC deixou patente que “a relevancia da súa presencia internacional significa que a doutora Crespo é recoñecida coma unha das mellores cardiólogas do mundo e é reclamada para formar parte do equipo que elabora as directrices que aplicamos todos os demais cardiólogos para atender aos pacientes con doenzas do corazón”.
Unha traxectoria de excelencia
Marisa Crespo é a xefa de sección da Unidade de Insuficiencia Cardíaca e Transplante Cardíaco do CHUAC, que atende pacientes de toda Galicia e os seus resultados son motivo de orgullo para o Servicio de Cardioloxía do CHUAC. Precisamente, no ano 2017 esta Unidade de Insuficiencia Cardíaca Especializada e Avanzada foi acreditada como excelente pola Sociedad Española de Cardiología.
A doutora Crespo coordina o Grupo de Investigación de IC avanzada e Transplante Cardíaco do Instituto de Investigación Biomédica de A Coruña (INIBIC), sendo tamén a Xefa de Grupo no CHUAC do Centro de Investigación Biomédica en Red Cardiovascular (CIBERCV), do Instituto de Salud Carlos III. Marisa Crespo ten presentado máis de 500 comunicacións en congresos e case 450 artigos científicos publicados nas revistas máis prestixiosas da especialidade, tamén é autora de unha patente e 3 deseños industriais.
Sobre a súa vocación docente, foi profesora asociada de Medicina USC (1996- 2016). profesora asociada de Medicina UDC (2016-2919) e actualmente é profesora titular de Medicina de la Universidade de A Coruña (UDC). A Unidade de Insuficiencia Cardíaca participa na formación MIR do Servizo de Cardioloxía e recibe con frecuencia médicos en formación de outros hospitais de España o de outros países.
Participou tamén na elaboración do currículo de enfermeiras de insuficiencia cardíaca da Sociedade Europea de Cardioloxía e é a directora do curso de enfermeira experta en insuficiencia cardíaca que ten alumnos de toda España. Entre o ano 2018 e 2020 foi Membro do Comité de Educación da Sociedade Europea de Cardioloxía e participou no desenvolvemento do currículo formativo de Cardioloxía, e dicir, en decidir que coñecementos e habilidades ten que ter un cardiólogo en calquera país europeo.
Pero o que realmente acrecenta a figura profesional da doutora Marisa Crespo é o seu importante papel fora de Galicia, tanto nacional como internacional, no campo da Cardioloxía. A nivel nacional é unha cardióloga moi prestixiosa e con moita presenza no campo da insuficiencia cardíaca e o transplante cardíaco. Foi secretaria da sección de transplante cardíaco e mais tarde, en 2003-2006, presidenta da Sección de Insuficiencia cardíaca e transplante da Sociedade Española de Cardioloxía onde puxo en marcha e coordina (dende 2006) o Rexistro Español de tumores post-transplante cardíaco. Asimesmo, foi membro fundador da Sociedade Española de Transplantes.
No panorama internacional, dende o ano 2007 tivo unha participación crecente na Sociedade Internacional de Transplante Cardíaco e Pulmonar (ISHLT por as súas siglas en inglés) na que foi Coordinadora do Consello de Transplante Cardíaco e Insuficiencia Cardíaca Avanzada e membro de varios Comités. Entre 2010 e 2012 foi a primeira persoa española membro da xunta directiva e tamén a única española autora das Guías de Práctica Clínica de esa Sociedade Científica no ano 2010, guías que fan recomendacións de alcance mundial.
Entre 2013 e 2018 foi membro da Xunta Directiva da Asociación de Insuficiencia Cardíaca da Sociedade Europea de Cardioloxía (Heart Failure Association of the ESC), unha sociedade científica de ámbito europeo pero de repercusión mundial, na que coordinou o rexistro europeo de insuficiencia cardíaca e contribuíu a varios fitos dentro da Asociación: trouxo por vez primeira a España, en Sevilla, o Congreso de esta Asociación e a doutora Crespo foi codirectora xunto co Dr. Franz Ruschitzka de Zurich; formouse nese tempo un Comité de insuficiencia cardíaca avanzada e a doutora Crespo foi a Coordinadora do Documento de Posicionamento científico da insuficiencia cardíaca avanzada da Sociedade Europea de Cardioloxía (ESC). En 2021 foi o único profesional español coautor das Guías de Práctica Clínica da Sociedade Europea de Cardioloxía e tamén da actualización levada a cabo o ano pasado.
Mais alá de esta participación nas Sociedades Científicas mais prestixiosas do mundo, Marisa ten sido invitada a dar conferencias nos mellores hospitais como a Clinica Mayo en Rochester (Estados Unidos), o Instituto Karolinska en Suecia, Hospital St. Bartolomew ìs en Londres, Rabin Medical Center en Israel. Tamén é invitada a participar en reunions de Sociedades Científicas por todo o mundo: Alemania, Mexico, Serbia, Croacia, Argentina, Colombia, Chile, Lituania, Emiratos Árabes, China, Singapur.... Dende 2017 e profesora do curso de post-grado de Insuficiencia cardíaca do hospital Universitario de Zurich en Suiza, probablemente o mellor curso do mundo no seu tema.