Ourense pechará varias rúas do centro o 31 de outubro polas celebracións de Halloween

O centro de Ourense vivirá unha tarde e noite de restricións de tráfico o vindeiro 31 de outubro con motivo das celebracións de Halloween que se desenvolverán na cidade. Porase en marcha un dispositivo especial de seguridade e mobilidade, coordinado pola Policía Local, co obxectivo de protexer aos asistentes e permitir o correcto desenvolvemento tanto dos desfiles coma da montaxe das distintas actividades.
Os cortes de circulación aplicaranse de xeito escalonado ao longo da tarde. O primeiro terá lugar na Rúa do Paseo a partir das 15.30 horas, onde o tráfico quedará totalmente restrinxido debido á chegada e concentración progresiva dos participantes no gran desfile.
Ás 17.00 horas sumarase o corte na Rúa do Progreso. En sentido cara ao centro da cidade, a circulación interromperase nas proximidades do acceso á Praza de Abastos, establecéndose un desvío obrigatorio cara a esta praza, desde onde o percorrido continuará de volta pola Rúa Parada Justel. En sentido cara ao Xardín do Posío, a vía permanecerá pechada á altura de Alférez Provisional.
ya avanzada a noite, ás 21.30 horas, pecharase tamén a subida pola Rúa Parada Justel, o que completará o peche perimetral do centro urbano pensado para a fase nocturna da festividade.
Desde o Concello pedíuse a máxima colaboración da cidadanía, recomendando extremar as precaucións e planificar os desprazamentos con antelación. Así mesmo, aconséllase recorrer ao transporte público ou buscar rutas alternativas durante toda a tarde e a noite do día 31.
Circulación dos autobuses urbanos
O servizo de autobuses urbanos de Ourense sufrirá alteracións puntuais nas súas rutas habituais o vindeiro xoves 31 de outubro, coincidindo coas actuacións e celebracións organizadas con motivo de Halloween. Os cambios afectarán aos traxectos con destino ao Parque de San Lázaro e ao Xardín do Posío, para os que se deseñaron percorridos alternativos que permitan manter o servizo aos usuarios sen interferir no desenvolvemento dos actos programados.
A reorganización do tráfico aplicarase en dous momentos distintos da xornada, de xeito que a afectación se adapte ao avance das actividades previstas.
No que respecta aos traxectos con destino ao Parque de San Lázaro, ata que comecen as actuacións os autobuses que saian do Xardín do Posío circularán pola Alameda, a rúa Doctor Fleming, a parada Justel e a rúa Progreso —onde se habilitará unha parada provisional xunto ao Inorde—, para continuar por Xoán XXIII ata chegar ao Parque de San Lázaro.
Posteriormente, cando dean comezo as actuacións, previstas arredor das 21.30 horas, o itinerario desde a zona do Xardín do Posío pasará a desviarse por Peña Trevinca e a Avenida da Habana antes de alcanzar o Parque de San Lázaro.
Pola súa banda, o traxecto en sentido contrario, con destino ao Xardín do Posío, manterá un único percorrido alternativo durante toda a xornada, que transcorrerá por Xoán XXIII (á altura de Abanca), a rúa Concello, a avenida Juan Manuel Bedoya, a avenida de Buenos Aires, a rúa Xoán de Novoa e a rúa Emilia Pardo Bazán, ata enlazar coa rúa Peña Trevinca.
Unha vez rematen os eventos previstos para a xornada, o servizo de autobuses recuperará o seu funcionamento e percorridos habituais.