Ourense pide un uso responsable da auga ante o déficit de choivas

O Concello de Ourense e a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil fixeron un chamamento conxunto á cidadanía para que realice un consumo responsable e eficiente da auga, nun contexto de escaseza de precipitacións que, segundo os datos do organismo de conca, se vén acumulando desde hai meses.
De acordo coa información facilitada pola Confederación, as choivas rexistradas no presente ano hidrolóxico son un 80 % inferiores á media histórica da zona, mentres que o caudal dos ríos sitúase un 64 % por debaixo dos niveis habituais para esta época.
O organismo trasladou recentemente ao Concello unha comunicación oficial na que sinala a necesidade de reforzar e intensificar as medidas de concienciación, vixilancia e aforro que xa se veñen desenvolvendo desde o verán, co obxectivo de previr posibles efectos negativos derivados da escaseza de auga a curto e medio prazo. Segundo este escrito, de se manter esta situación nos vindeiros meses, resultaría necesario aumentar a eficiencia das infraestruturas municipais e intensificar as campañas de aforro e concienciación social sobre o bo uso do recurso.
Pola súa banda, o Concello informou de que xa trasladou tanto o informe técnico como as recomendacións do organismo hidrográfico a Viaqua, empresa concesionaria do servizo municipal de abastecemento e saneamento, para que aplique as medidas operativas correspondentes.