Ourense prepárase para a undécima Gala contra o Cancro con música e baile en directo

O Auditorio Municipal de Ourense volverá vestirse de gala o sábado 28 de novembro, a partir das 20.30 horas, con motivo da undécima edición da Gala contra o Cancro, unha cita que combina música, baile e solidariedade a favor da Asociación Española Contra o Cancro (AECC).
A presentación oficial do evento tivo lugar este xoves, 19 de novembro, ás 13.30 horas, na sede da AECC en Ourense, onde compareceron ante os medios David Rodríguez, organizador da gala, e Germán Rodríguez-Saa López, presidente da asociación na provincia.
Durante a súa intervención, Rodríguez-Saa López quixo agradecer a colaboración da entidade cultural que fai posible a celebración do evento cada ano, e puxo en valor a implicación da sociedade ourensá coas persoas que conviven con esta enfermidade. O presidente da AECC Ourense animou ademais á cidadanía a sumarse a esta nova edición e a gozar dunha “noite de música, cultura e compromiso social”.
Pola súa banda, o organizador do evento destacou o crecemento do proxecto ao longo destes anos, froito, segundo explicou, do esforzo compartido de numerosas persoas que fixeron posible que a cultura e a solidariedade convivan sobre un mesmo escenario. Rodríguez subliñou que acadar a undécima edición demostra que este tipo de iniciativas contribúen a visibilizar unha enfermidade que afecta a toda a sociedade, fronte á que, insistiu, é preciso seguir traballando. Así mesmo, convidou ao público a vivir unha noite pensada non só para o goce, senón tamén para a reflexión sobre a importancia da prevención, a investigación e o acompañamento a quen atravesa esta situación.
Ao longo das súas dez edicións previas, a gala contou coa participación de numerosos artistas do panorama musical, a danza, o humor e a interpretación, e permitiu recadar máis de 60.000 euros con fins solidarios.
Nesta ocasión, o cartel reúne seis propostas artísticas de estilos e traxectorias diferentes. Entre elas destaca Eladio e os Seres Queridos, formación galega que este ano cumpre vinte anos de traxectoria e seis discos editados, e que presenta o seu último traballo, ‘B.S.O. 2005-2025’, un percorrido por dúas décadas de cancións con algunhas das súas colaboracións máis relevantes.
Xunto a eles actuará Javi Maneiro, cantante e compositor natural da Pobra do Caramiñal, unha das voces recoñecibles do rock galego, que conta tamén cunha traxectoria en solitario reflectida en traballos como ‘Un bonito despertar’. Completarán o apartado musical The Tetas’ Van, grupo galego que reivindica mediante versións e actitude rockeira o papel da muller na música, cun marcado compromiso coa igualdade e coa lingua galega; e Dulzaro, proxecto do artista Alberto Domínguez, procedente de Castela e León, que fusiona o folclore tradicional con sons electrónicos contemporáneos.
A canción de autor estará representada por Yoly Saá, cantautora galega afincada en Madrid, coñecida por unha voz moi persoal e composicións de gran sensibilidade, consolidadas en traballos como ‘Mar de Ardora’. O apartado de danza correrá a cargo de Only You, escola de baile e fitness ourensá, que achegará un compoñente dinámico á programación da noite.
A gala estará conducida por Raquel Nogueira e Antía Vidal, e contará co respaldo institucional do Concello de Ourense, o Auditorio Municipal, a Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia.
As entradas, cun prezo de 10 euros, contan cun único punto de venda físico na sede da AECC Ourense, onde se puxeron a disposición 150 localidades. O resto das entradas poden adquirirse en liña. Ademais, quen desexe colaborar sen asistir ao evento pode facelo a través da fila cero, mediante donativos na conta habilitada para tal efecto.