Ourense prepárase para o Día das Librarías con descontos e actividades infantís

O sector librero da provincia de Ourense disponse a sumarse a unha nova edición do Día das Librarías, xornada que este ano se celebrará o venres 13 de novembro baixo o lema nacional “Entra na librería, asómate á cultura”. Durante esa xornada, os establecementos ourensáns aplicarán un desconto do 5 % na compra de libros, como xeito de convidar á cidadanía a achegarse aos seus espazos habituais de lectura.
Como preparación a esa data, este xoves 12 de novembro terá lugar unha actividade previa pensada especialmente para o público infantil. A Agrupación Provincial de Libreiros de Ourense, xunto co Concello de Ourense, organizou unha xornada de animación á lectura dirixida ao alumnado de educación infantil e primaria de dous centros escolares da cidade: o CEIP Manuel Sueiro e o CEIP Mestre Vide.
A proposta desenvolverase en dúas quendas. A primeira comezou ás 10.30 horas, cando o alumnado do CEIP Manuel Sueiro se reúne no acceso ás Galerías Viacambre, pola rúa Santo Domingo. Alí participan nunha sesión de animación á lectura antes de emprender un percorrido guiado por distintas librarías da cidade. A segunda quenda arrincará ás 12.00 horas na Praza Maior, co alumnado do CEIP Mestre Vide como protagonista.
Tras a actividade de animación, os grupos escolares visitarán varias librarías ourensás que colaboran na iniciativa. A idea é que os máis pequenos poidan coñecer de preto estes espazos e descubrir, a través do xogo e a lectura, o atractivo que agochan os seus andeis.
Tanto a Agrupación Provincial de Libreiros como o Concello de Ourense fixeron un chamamento á cidadanía para que, o vindeiro 13 de novembro, se achegue á súa librería de confianza e participe nesta celebración que, cada ano, busca poñer en valor o papel cultural e social destes comercios.