Ourense presenta a 29ª Mostra Internacional de Teatro Universitario

OurenseXa
A 29ª Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense celebrarase entre os días 11 de abril e 9 de maio
presentacion_miteu
Presentación da MITEU 2024
3 Abr 2024

O Teatro Principal da Deputación acolleu hoxe a presentación da 29ª edición da Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense (MITEU), un evento senlleiro das artes escénicas ourensás que se desenvolverá entre o 11 de abril e o 9 de maio en diferentes puntos da cidade.

O vicepresidente segundo da Deputación e deputado de Cultura, César Fernández, participou hoxe na presentación desta nova edición, acompañado polo director da Área de Cultura e Deporte da Deputación, Marcos Vázquez.

Na súa intervención, César Fernández dixo que as institucións “temos que ter claro que a cooperación ten un efecto multiplicador e se ademais se produce no ámbito da cultura ese efecto multiplicador duplícase”. Afirmando que a cultura “ten a capacidade de chegar a toda a sociedade e as administracións debemos comprometernos a defender unha actividade cultural plural e de calidade para unha sociedade que tamén o é e que, polo tanto, tamén demanda esa oferta”.

Así mesmo, felicitou a todas as persoas que “forman parte do universo da MITEU -especialmente ao voluntariado que cre firmemente na Cultura- por ser capaces de sacar adiante unha nova edición desta Mostra que volverá a ser un éxito” e desexoulle “longa vida” a esta Mostra “convertida xa nun evento cultural de referencia para a provincia”

Pola súa parte, Marcos Vázquez dixo que as artes escénicas engloban 3 aspectos fundamentais que se materializan na MITEU e é “a educación e a formación, a animación sociocultural, e un desenvolvemento comunitario global”.

Programa da 29 MITEU

O director da MITEU,  Fernando Dacosta explicou o programa desta edición que inclúe un amplo abano de actividades culturais con gran variedade de xéneros. Nesta ocasión, haberá 23 espectáculos e estará por primeira vez Mozambique na MITEU, xunto a grupos de Colombia, Portugal e importante representación de España (Castela León, Navarra, Madrid, Estremadura e Galicia (A Coruña, Santiago de Compostela, Lugo, Vigo, Pontevedra e Ourense). A provincia ourensá estará representada por cinco grupos de Teatro.

A música volverá a ter unha forte presenza na programación coa presentación do novo disco de Budiño -presente na presentación- e coas actuacións de Factoría de Subsistencia, The Tetas Van e O Sonoro Maxín.

Os espectáculos teatrais desta edición correrán a cargo de 14 grupos de teatro universitario e de 9 grupos convidados de teatro profesional. Haberá tamén espazo para danza e para un obradoiro de expresión do clown que será impartido por Carlos Sante.

O premio da 29 MITEU, que se entregará na clausura o 9 de maio, será o Cine Clube Padre Feijoo polo seu “labor fundamental a prol da cultura desta cidade”, sinalou Fernando Dacosta.

Cabe destacar que ao longo dos 29 anos de vida da MITEU, pasaron pola mostra “49 países, é dicir, un cuarto dos países de todo o mundo. Ogallá que este soño poida continuar”, asegurou o director da MITEU.

Consulta a programación completa da 29ª Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense:

Teatro Principal de Ourense

Xoves, 11 de abril. "Jamás. Cuando el silencia es complicidad"da compañía Sin Mente Teatro (Colombia).

Venres, 12 de abril. "Retrato dun tremor" da compañía Cordelia (Aula Universitaria de Ourense).

Domingo, 14 de abril. "Autorretrato de un joven capitalista español", da compañía Teatro del Barrio (Madrid).

Martes, 16 de abril. "(Des) de las escombros", do Grupo de Teatro Upna (Nafarroa).

Sábado, 20 de abril. "Sangre carlán", da compañía Teatro El Mayal (León).

Domingo, 21 de abril. "Concerto: Branca vela", da compañía galega Budiño.

Martes, 23 de abril. "Ná cego", da compañía Teatr'Ubi (Portugal).

Xoves, 25 de abril. "Estupidez artificial", da Aula de Teatro de Pontevedra, e "Soño dunha noite de verán", da Aula de Teatro de Vigo.

Domingo, 28 de abril. "Deixando a pel", da Aula da USC de Lugo.

Martes, 30 de abril. "Cala pro-Palestina", da compañía galega Pallasos en Rebeldía.

Xoves, 2 de maio. "Antropoloxía do lico (A síndrome do túnel carpiano)", da Aula da USC De Santiago de Compostela.

Sábado, 4 de maio. "13 Marnadas de danza", da Compañía de Danza da Universidade (USC-Lugo, UDC-Coruña, UVigo-Ourense e A Casa Vella).

Xoves, 9 de maio. "Desequilibros", da compañía Maricastaña da Aula Universitaria de Ourense.

Liceo de Ourense

Venres, 26 de abril. "O benquerer(se)", da compañía de teatro galega Aldaolado.

Domingo, 28 de abril. "Hámster", da compañía Trifásico Teatro da ESAD.

Martes, 30 de abril. "Brunilda, Valquiria, mujer y cantante", da compañía Emulsión Teatro (Extremadura).

Mércores, 1 de maio. "Con-sumo cuidado", da Aula de Teatro da UBU (Burgos).

Mércores, 8 de maio. "30 Anos a contar estárias. Notas de rodapé", de Quico Cadaval-Compañías Excéntricas.

Café Auriense

Venres, 19 de abril. "Cancerta: Respirando... sempre!! 3" Allum" da compañía Factoría de Subsistencia.

Praza de San Martiño

Venres, 3 de maio. "O xardín das danzas", Educación a Través da Danza (Campus de Ourense) e "O tempo diz", da compañía Ertza (Mozambique/Euskadi).

Rúas da cidade

Xoves, 11 de abril. "Operación rescate", da compañía Rosaura (Aula de Teatro Universitario de Ourense)

0.19385194778442