Ourense restrinxe o tráfico en varias rúas a próxima semana por obras de reasfaltado

Varias rúas do centro de Ourense sufrirán restricións de circulación durante a próxima semana a causa duns traballos de reasfaltado que se prolongarán desde o luns 21 ata o xoves 24 de setembro. Segundo informou a Policía Local do Concello de Ourense, as obras, que executará a Xunta de Galicia, concentraranse na rúa Río Arnoia, na rúa Eulogio Gómez Franqueira e na zona próxima á antiga estación de autobuses.
Co obxectivo de reducir na medida do posible as molestias na mobilidade urbana, a actuación levarase a cabo de xeito escalonado, avanzando por tramos concretos en cada xornada. O calendario previsto é o seguinte:
O luns 21 de setembro, pola mañá quedará cortada a rúa Río Arnoia no tramo situado entre a avenida de Santiago e a rúa Alejandro Pedrosa. Pola tarde, os traballos continuarán nesa mesma rúa, nesta ocasión entre a rúa Alejandro Pedrosa e a rúa Quintián. Unha vez concluída esa fase, a actuación estenderase desde a rúa Quintián ata a confluencia coa rúa Eulogio Gómez Franqueira.
Entre o martes 22 e o xoves 24 de setembro, o corte trasladarase á propia rúa Gómez Franqueira, primeiro no tramo comprendido entre o seu cruzamento coa rúa Quintián e a rúa Santa Ana, e a continuación no tramo restante ata chegar á rotonda situada xunto á antiga estación de autobuses.
Malia os cortes previstos para o tráfico xeral, desde o Concello quixéronse garantir que o servizo de transporte público urbano non se vai ver interrompido. Os autobuses das liñas urbanas poderán seguir circulando polos tramos afectados grazas a un paso habilitado en exclusiva para eles, cuxo tránsito será controlado en todo momento por persoal de sinalización da empresa encargada das obras.
Desde a Policía Local pedíuselles aos condutores que circulen con precaución pola zona, que respecten a sinalización provisional instalada con motivo das obras e que, sempre que sexa posible, opten por itinerarios alternativos mentres se prolonguen os traballos.