Ourense súmase á campaña estival de ADOS para reforzar as doazóns de sangue durante o verán

A cidade de Ourense acolle este luns a campaña de verán “Un alento de vida”, impulsada pola Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) para promover a doazón de sangue durante os meses estivais. A unidade móbil permanece instalada na rúa do Paseo en horario de 09.30 a 14.30 horas e de 15.30 a 21.00 horas para facilitar a participación da cidadanía.
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo Cid, acompañado polo director de xestión de ADOS, José Luis Beiras Padella, achegouse ata a unidade móbil para saudar ás persoas doantes e animar á veciñanza a colaborar nesta campaña.
A iniciativa desenvolverase ata finais de agosto en máis de 170 concellos galegos coa finalidade de manter as reservas de sangue durante un período no que adoita reducirse a participación dos doantes habituais debido ás vacacións. O obxectivo marcado por ADOS é reunir arredor de 22.000 doazóns durante este período.
Desde a Axencia lembran que os hospitais galegos precisan arredor de 400 doazóns de sangue cada día para garantir o abastecemento de compoñentes sanguíneos, unha necesidade que se mantén tamén durante o verán.
A campaña pretende sensibilizar á poboación sobre a importancia deste xesto solidario, fundamental para facer posible o tratamento de numerosos pacientes do sistema público de saúde que precisan transfusións.
Como parte da iniciativa, as persoas que participen recibirán un agasallo, como unha almofada ou un balón de praia. Ademais, xunto á unidade móbil habilitouse un espazo que recrea unha terraza de verán, no que os doantes poderán inflar un globo que pasará a formar parte da escenografía como símbolo do “alento” que representa unha transfusión para moitos doentes.
ADOS agradece tamén a colaboración do Concello de Ourense nas campañas de doazón e recoñece o compromiso da cidadanía. Durante 2025 rexistráronse na cidade un total de 3.754 doazóns de sangue, o que representa unha taxa de 36 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano, por baixo da media galega, situada en 39 por cada 1.000 habitantes.
A Axencia lembra que poden doar sangue as persoas maiores de 18 anos, cun peso superior aos 50 quilos e que non padezan nin padecesen enfermidades transmisibles polo sangue.