Ourense sumou preto de 3 millóns de euros en axudas ao emprego en 2025, con especial peso na contratación feminina

GaliciaXa | OurenseXa
A provincia concentrou arredor de 400 axudas que respaldaron máis de 430 contratacións o ano pasado, nun programa que reforza os incentivos para o emprego de mulleres e que mantén aberta unha nova convocatoria dotada con case 20 millóns de euros para toda Galicia
Noelia_Argimiro_visita_Ourense
28 Aug 2026

Ourense pechou o ano 2025 con 397 axudas concedidas dentro dos diferentes programas de Galicia Emprega, por un importe conxunto de 2.948.300 euros, un investimento que respaldou un total de 431 contratacións na provincia. Así o puxeron de manifesto os deputados do Grupo Popular no Parlamento de Galicia Noelia Pérez e Argimiro Marnotes, que este xoves visitaron en Ourense o negocio Más que uñas, beneficiario destas axudas, para facer balance das políticas de fomento do emprego desenvolvidas na provincia.

Os deputados explicaron que, ademais das liñas dirixidas especificamente ás mulleres, o paquete de axudas concedidas en Ourense incluíu incentivos para a mocidade, persoas desempregadas de longa duración e maiores de 52 anos, persoas emigrantes retornadas e estranxeiras, persoas con discapacidade e entidades sen ánimo de lucro.

No caso concreto do emprego feminino, a provincia recibiu 152 axudas da liña Emprega Muller, que sumaron 1.035.700 euros, ás que se engadiron outras 10 axudas por 136.500 euros correspondentes á liña de apoio á contratación de mulleres en ocupacións masculinizadas. En conxunto, ambas as liñas mobilizaron máis de 1,17 millóns de euros en Ourense.

Os deputados tamén repasaron a traxectoria destes programas dende a súa posta en marcha: entre 2018 e 2025, Galicia Emprega permitiu conceder axudas a 10.392 solicitudes en toda a comunidade, apoiando a contratación de 12.212 persoas traballadoras, cun investimento acumulado superior aos 105,3 millóns de euros.

Pérez e Marnotes destacaron que a convocatoria vixente, Galicia Suma Talento: Emprégate 2026, avanza un paso máis ao vincular os incentivos á contratación indefinida con itinerarios de formación para o emprego, de xeito que a cualificación das persoas desempregadas se converta nunha vía cara a un posto de traballo estable. "O obxectivo é pechar o ciclo entre formación, cualificación e emprego, facendo que os recursos públicos teñan un retorno real en forma de oportunidades laborais e de maior competitividade para as empresas galegas", sinalaron os deputados populares.

Esta convocatoria, que permanece aberta e conta cunha dotación de 19,7 millóns de euros, prevé apoiar a contratación indefinida duns 2.500 persoas desempregadas pertencentes a colectivos prioritarios en toda Galicia.

Os deputados subliñaron, ademais, o reforzo dos incentivos dirixidos ás mulleres nesta edición de 2026. A axuda para a contratación de mulleres vítimas de violencia de xénero ou de trata de seres humanos, así como de mulleres con fillos ou fillas menores de tres anos en situación de desemprego de longa duración, elévase de 6.000 a 10.000 euros por contratación. A convocatoria tamén contempla un incentivo de 10.000 euros para a contratación de mulleres en ocupacións masculinizadas.

0.14595508575439