Ourense vístese este domingo de cores para celebrar os Maios

OurenseXa
A xornada contará cos tradicionais concursos de maios e coplas e un concerto de Amancio Prada
maios-ourense-2025
27 Apr 2026

A cidade de Ourense acollerá este domingo, 3 de maio, unha nova edición da Festa dos Maios, unha celebración declarada de interese turístico de Galicia que marca a chegada da primavera con música, tradición e participación popular.

A programación, organizada pola Concellería de Artes e Festexos, inclúe os tradicionais concursos de maios e coplas, ademais de actividades paralelas e un concerto do cantautor Amancio Prada como peche da xornada.

Os actos comezarán ás 10.30 horas nos xardíns do Padre Feijoo cun obradoiro de confección de coroas e peiteados. A partir das 11.00 horas abrirase na rúa do Paseo a exposición dos maios participantes no certame municipal.

Ás 11.30 horas está prevista unha ruada con cabezudos e xigantes acompañados de música tradicional, cun percorrido que partirá da rúa do Paseo e pasará por diferentes puntos do centro histórico ata chegar á Praza Maior. O canto de coplas ante o xurado terá lugar ás 12.00 horas na rúa do Paseo.

Xa pola tarde, a actividade trasladarase á Praza Maior, onde ás 19.00 horas se celebrará a entrega de premios e unha nova interpretación das coplas gañadoras. Ás 19.30 horas pechará a xornada o concerto de Amancio Prada.

O certame municipal reparte este ano 42.000 euros entre premios e axudas á participación. As categorías inclúen o Maio Artístico, o Maio Enxebre, o Maio Creativo e o Maio Infantil, así como premios para coplas tanto en categoría adulta como infantil. Ademais, todas as creacións debidamente elaboradas recibirán unha achega de participación de 400 euros por parte do Concello.

0.12114691734314