Ourense volverá a promocionar a súa calidade agroalimentaria no Salón Gourmets 2024

OurenseXa
Once micro empresas e dous Consellos Reguladores estarán presentes como coexpositores no stand de Ourense para exhibir os seus produtos gourmet desde o 22 ao 25 de abril en IFEMA
Salon_gourmets
Salón Gourmets (IFEMA, Madrid)
9 Abr 2024

A provincia de Ourense volverá a promocionar a súa calidade agroalimentaria na 37ª edición de Salón Gourmets, a Feira de Alimentación e Bebidas de Calidad, que se celebra en IFEMA (Madrid), do 22 ao 25 de abril.

A Deputación de Ourense, a través dunha convocatoria realizada polo Inorde, promocionará a Ourense como destino enogastronómico de calidade amparando a trece coexpositores no stand da provincia de Ourense que exhibirán os seus produtos gourmet: once micro empresas e dous Consellos Reguladores.

A participación da provincia nesta Feira de referencia para o sector responde ao obxectivo do goberno provincial de promover accións que impulsen os produtos agroalimentarios que xeran valor engadido ao territorio, facilitándolles ademais aos pequenos produtores ourensáns novas plataformas de promoción e canles de comercialización.

As empresas que están no stand da provincia de Ourense en Salón Gourmets 2024 como coexpositores pertencen a diferentes sectores agroalimentarios. Nesta ocasión, os viños ourensáns volverán a ter un papel destacado da man dos CRDO de Monterrei e Valdeorras, así como das empresas: Adegas Celme de Castrelo de Miño coa súa mostra de viños e vermús ecolóxicos, Bioca de Petín co seu godello, Montebello Partners de Ourense cos seus viños e destilados galegos, e Bodegas Siah de Leiro cos seus viños. Ademais, estará Vinagres do Ribeiro de Beade amosando os seus vinagres artesanais.

No apartado doce estarán o mel de Mel Aialma de Laza, os xeados artesáns de La Central Heladera de Ourense, e as galletas e bicas de Burgano Delicatessen de Ourense. Por último, exporán os seus queixos gourmet Queixería Gaia de Vilar de Santos, as súas conservas e patés gourmet a empresa Mareterra Conservas de Esgos, e os embutidos gourmet elaborados artesanalmente de porco celta da man de Cienporcel de Cenlle.

Complementando á propia actividade de promoción que se realizará durante eses días na Feira a través do stand da provincia, o Inorde organiza un showcooking coa colaboración de Cociña Ourense o día 22 de abril ás 13.00 horas.

A Feira Internacional de Alimentación y Bebidas de Calidad reunirá a  2.000 expositores con máis de 1.00 actividades programadas que ocuparán os 5 pavillóns desta edición na que se promocionarán máis de 55.000 produtos.

0.21583700180054