The Jesus and Mary Chain, The Dream Syndicate e Triángulo de Amor Bizarro encabezan o cartel do Our Fest 2026

GaliciaXa | OurenseXa
Expourense converterase o 19 de setembro no escenario dunha xornada completa de concertos, con sete propostas ben distintas entre as que destacan dúas actuacións únicas: unha en España e outra en 2026
our_fest_2026
20 Aug 2026

Expourense volverá encherse de música o sábado 19 de setembro cunha nova edición que reunirá sete propostas ben diferenciadas ao longo de toda a xornada.

Entre os nomes destacados atópase The Jesus and Mary Chain, banda escocesa que suma xa catro décadas de traxectoria e que segue defendendo a súa característica mestura de escuridade, melodía e actitude, co seu último traballo, 'Glasgow Eyes', como capítulo máis recente dunha carreira que continúa mirando cara adiante.

Tamén estará presente The Dream Syndicate, referente do rock estadounidense desde os anos oitenta, que ofrecerá a súa única actuación en España dentro desta xira, na que segue ampliando horizontes máis alá do seu emblemático 'The Days of Wine & Roses'.

A cita contará ademais con Triángulo de Amor Bizarro, que actuará practicamente na casa tras máis de vinte anos de carreira marcada pola reinvención constante, unha actitude afastada dos cánones do rock convencional e un percorrido recoñecido con dous Premios Ruido.

Outro dos pratos fortes será The Mystery Lights, que ofrecerán a súa única data en 2026 cun directo de gran intensidade e o seu disco 'Purgatory', no que combinan psicodelia, punk, art rock e mesmo pinceladas de country.

Tamén subirá ao escenario Fat Dog, banda londiniense que chega con nova música, unha enerxía renovada e unha formación ampliada a sete integrantes, apuntando a converterse nun dos directos máis celebrados da xornada.

Pola súa banda, Germán Salto presentará a súa proposta de power pop con aires americanos a través de 'Ojo de Bife', continuando a súa etapa en castelán dentro dunha traxectoria recoñecida pola súa capacidade para crear cancións e melodías.

O peche da xornada correrá a cargo de Albert Petit, que se encargará da sesión de DJ combinando rock, reggae, punk, soul, jazz, salsa, cumbia, power pop e moitos outros estilos para poñer a bailar ao público.

O festival celebrarase en Expourense o sábado 19 de setembro e as entradas xa están dispoñibles a través de ourfest.gal e da plataforma Entradas Ataquilla.

A cita conta co respaldo da Xunta de Galicia, a través da Axencia Turismo de Galicia, dentro do programa de Concertos do Xacobeo.

0.15103006362915