Paco Sarria gaña o XXXV Premio de Xornalismo Xosé Aurelio Carracedo pola súa traxectoria profesional

O xornalista ourensán Paco Sarria foi distinguido coa mención honorífica da XXXV edición do Premio de Xornalismo Xosé Aurelio Carracedo, convocado pola Deputación de Ourense, en recoñecemento á súa traxectoria profesional de máis de catro décadas vinculada ao mundo da comunicación.
O xurado destacou especialmente o seu labor informativo centrado na realidade ourensá e o uso da lingua galega como ferramenta de comunicación e conexión cultural. Tamén puxo en valor o seu compromiso coa profesión xornalística, tanto na súa actividade diaria como no ámbito institucional, onde exerceu durante oito anos como decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e actualmente ocupa o cargo de vicedecano terceiro.
No fallo, o tribunal subliña a “honestidade no traballo diario, permanencia no oficio e defensa da profesión”, ademais da súa vocación xornalística e da coherencia mantida ao longo da súa carreira en distintos contextos profesionais.
Paco Sarria desenvolveu a súa traxectoria en medios como Ondas Galicia, COPE, TVG, Onda Cero ou prensa escrita e axencias como La Voz de Galicia, Faro de Vigo, El Correo Gallego, EFE e El País.
Na categoría ao mellor traballo xornalístico, dotada con 4.000 euros, o premio recaeu en Diego Freire Fernández, do medio dixital Noticias Dispersas, polo documental “Quen contamina a Limia”. O xurado salientou que se trata dun traballo que “inclúe todas as perspectivas, nun labor ben estruturado, sinxelo de seguir e con datos de fácil comprensión”, ademais de abordar un asunto de interese social.
A resolución tamén valorou a capacidade do autor para combinar divulgación e rigor informativo, “mesturando humor coa rigorosidade xornalística, non sempre doado”, así como a evolución de Noticias Dispersas, medio que cualifican como unha referencia para novos formatos de información.
O accésit ao segundo mellor traballo, premiado con 1.000 euros, foi para Xosé Lois Colmenero, do dixital Diario do Támega, pola peza “Ourense baixo o lume: compromiso, risco e resultado”. O xurado definiu o traballo como “xornalismo de estar, pegado á veciñanza”, destacando o seguimento informativo realizado sobre os incendios forestais e a capacidade do medio para manter unha visión crítica desde o ámbito local.
O xurado desta edición estivo presidido polo vicepresidente segundo da Deputación de Ourense e deputado de Cultura, César Fernández, acompañado por representantes das facultades de Comunicación das universidades galegas, do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e da Asociación de Xornalistas de Santiago.
A entrega dos galardóns realizarase nun acto organizado proximamente pola Deputación de Ourense.