Paco Sarria recibe o Premio “Xosé Aurelio Carracedo”

GaliciaXa | OurenseXa
O documental 'Quen contamina a Limia' de Diego Freire foi recoñecido como mellor traballo xornalístico
entrega-premio-xornalismo-ose-aurelio-carracedo
17 Jun 2026

A Deputación de Ourense celebrou este mércores o acto de entrega da XXXV edición do Premio de Xornalismo “Xosé Aurelio Carracedo”, un recoñecemento consolidado dentro do panorama comunicativo galego e creado para homenaxear a figura do histórico xornalista ourensán, ao tempo que distingue a traxectoria e o traballo de profesionais da información.

O acto estivo encabezado polo presidente provincial, Luis Menor, quen puxo en valor a continuidade dun galardón que suma xa trinta e cinco edicións e que continúa premiando principios vinculados ao exercicio do xornalismo, como o rigor, a investigación, a honestidade e o compromiso coa sociedade.

Durante a súa intervención, Menor incidiu na relevancia do labor dos medios e dos profesionais da comunicación nun contexto marcado pola velocidade da información e pola expansión de contidos que non sempre están contrastados. Neste sentido, reivindicou a necesidade dun exercicio responsable da profesión e afirmou: “Nun mundo cada vez máis acelerado, máis dixital e máis condicionado pola inmediatez, necesitamos seguir defendendo o valor da información veraz, do contraste dos feitos e do espírito crítico. E nesa tarefa, os xornalistas continúan desempeñando un papel fundamental”.

O Premio Honorífico á Traxectoria Profesional foi concedido nesta edición a Francisco Xosé González Sarria, coñecido como Paco Sarria, cunha carreira profesional que supera as catro décadas vinculada a medios de comunicación tanto escritos como audiovisuais.

Ao longo da súa traxectoria desenvolveu o seu traballo en medios como Ondas Galicia, COPE, TVG, Radio Miño-Onda Cero, La Voz de Galicia, Faro de Vigo, El Correo Gallego, a axencia EFE ou El País. Ademais da súa actividade informativa, tamén desenvolveu tarefas de representación profesional como decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia durante oito anos.

Durante o seu discurso de agradecemento, Sarria puxo o foco no valor do xornalismo local e alertou sobre os efectos da desinformación e da proliferación de contidos alleos aos estándares profesionais. O xornalista apostou polo denominado “xornalismo de quilómetro cero”, aquel que permanece ligado ao territorio e capaz de descubrir “o lado máis humano e solidario da actualidade”. Tamén incidiu na importancia de manter a honestidade profesional, a pluralidade informativa e o uso do galego como ferramenta de comunicación.

Na categoría ao Mellor Traballo Xornalístico, o premio, dotado con 4.000 euros, foi para Diego Freire Fernández, de Noticias Dispersas, polo documental 'Quen contamina a Limia'.

O xurado valorou especialmente o tratamento informativo dun tema de relevancia social, destacando tanto o rigor da investigación como a capacidade para explicar cuestións complexas de forma comprensible para o público.

Na súa intervención tras recibir o galardón, Freire quixo compartir o recoñecemento con Alfonso Cid e coa emisora Radio Liverdade, colaboradora do proxecto. Ademais, aproveitou para reivindicar a independencia dos medios alternativos e a necesidade de construír modelos económicos que garantan un exercicio libre da profesión sen dependencias externas.

Tamén sinalou a importancia de priorizar a saúde das persoas e defendeu o papel dos medios independentes como espazos que poden enriquecer o debate público mediante perspectivas complementarias ás dos grandes grupos de comunicación.

Pola súa banda, o accésit ao segundo mellor traballo, cunha dotación económica de 1.000 euros, foi para Xosé Lois Colmenero Fernández e o equipo do Diario do Támega polo traballo 'Ourense baixo o lume: compromiso, risco e resultado'.

O xurado recoñeceu o labor realizado por este medio durante a cobertura dos incendios forestais, valorando especialmente a súa capacidade para informar desde o propio territorio cun enfoque crítico e rigoroso sobre unha problemática que afecta directamente á veciñanza.

Durante a súa intervención, Colmenero destacou que recibir unha distinción vinculada ao nome de Xosé Aurelio Carracedo representa unha importante responsabilidade e aproveitou para reivindicar o papel dos medios locais. O xornalista definiu este recoñecemento como unha homenaxe ao conxunto dos medios de proximidade, “modestos pero indispensables”, que manteñen unha relación directa coa realidade diaria das comarcas.

O Premio de Xornalismo “Xosé Aurelio Carracedo” continúa así consolidándose como unha das iniciativas máis veteranas impulsadas pola Deputación de Ourense no ámbito da comunicación. Nesta edición, as intervencións das persoas premiadas coincidiron nunha mesma mensaxe: a necesidade de seguir fortalecendo un xornalismo próximo á cidadanía, exercido con honestidade e compromiso coa realidade social.

0.12583303451538