Paderne de Allariz acollerá un curso de ecodeseño e etiquetaxe para produtores da provincia
A Deputación de Ourense, a través do Inorde, ofrecerá durante o mes de decembro un curso de formación en ecodeseño. Esta novidosa acción formativa pretende proporcionar aos produtores da provincia coñecementos aplicados á fase de envasado no proceso produtivo, apoiando así a comercialización de produtos cun enfoque na marca e na súa etiquetaxe. Este curso contará cunha duración de 11,5 horas, divididas en 8,5 horas presenciais (que se impartirán no Concello de Paderne de Allariz) e 3 horas en liña.
A iniciativa enmárcase no proxecto proxecto "Ecosistema de producións sostibles de alto valor engadido na provincia de Ourense", financiado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.O programa comezará o luns 2 de decembro cunha xornada, entre as 15 e as 19.30 horas, adicada ao ecodeseño e etiquetaxe de produtos, impartida por Silvia Ros Urrutia, consultora en sostibilidade corporativa e seguridade alimentaria; así como por Eva D. Castro Outeiriño, experta en sostibilidade.
A segunda xornada será en liña, o xoves 5 de decembro, de 16 a 19 horas, e estará centrada no ecodeseño en mel e conservas vexetais. Estará impartida por Noemí Cortizas, experta en ecodeseño e CEO da empresa Ydemarker e de Material Innovatio Hub. A última xornada, presencial, será o xoves 12 de decembro entre as 16 e as 20 horas. Esta será de carácter práctico sobre a aplicación de conceptos de ecodeseño coa análise de 4 casos de boas prácticas por parte de empresas galegas.
Esta iniciativa ven a complementar as ferramentas que se poñen a disposición do produtores desde o organismo provincial, para contribuír a diferenciarse no mercado no marco da "Estratexia provincial de impulso a producións sustentables de alto valor engadido".