Paderne de Allariz prepárase para a VI Festa Popular da Tenreira ao Espeto e da Empanada de Polo de Curral

A sexta edición da Festa Popular da Tenreira ao Espeto e da Empanada de Polo de Curral terá lugar o vindeiro 21 de xuño, cunha xornada de convivencia que reunirá veciñanza e visitantes arredor da gastronomía e do lecer.
O evento desenvolverase a partir das 14.00 horas no Pavillón Municipal, onde se servirá unha comida popular centrada na degustación de tenreira ao espeto e empanada de polo de curral.
Tras o xantar, o programa continuará con actividades lúdico-deportivas dirixidas ao público infantil, que contarán coa participación de monitores especializados. A animación musical correrá a cargo da Charanga El Tattoo, encargada de amenizar a sobremesa e a tarde festiva.
Durante a actuación realizaranse tamén diversos sorteos entre as persoas asistentes, empregando como participación os propios tickets da comida.
O prezo da entrada será de 20 euros por persoa, mentres que os nenos e nenas de ata 12 anos poderán asistir de balde. Os tickets poden adquirirse nos establecementos hostaleiros do concello, na Casa do Concello e a través das asociacións veciñais, ata o vindeiro 17 de xuño.