Padrenda terá a súa propia residencia de maiores

Padrenda contará proximamente cunha residencia de maiores propia, segundo trasladou a conselleira de Política Social da Xunta de Galicia. O anuncio foi recibido con satisfacción por parte do goberno municipal, que leva tempo reivindicando esta infraestrutura para o concello.
Dende o Concello destacaron que se trata do resultado dun traballo sostido no tempo, no que salientaron especialmente o respaldo dos veciños e veciñas, a quen atribúen boa parte do impulso para sacar adiante a iniciativa.
O equipo de goberno puxo o acento no que esta futura residencia suporá para as persoas maiores do municipio: a posibilidade de envellecer preto do seu contorno habitual, da súa familia e da súa comunidade, sen ter que desprazarse a outros concellos para acceder a este tipo de recursos asistenciais.
Así mesmo, dende o Concello agradeceron o compromiso amosado pola Xunta de Galicia con Padrenda e, de forma máis ampla, coas zonas rurais da provincia, ás que este tipo de equipamentos adoita chegar con maior dificultade.