Pedro Blanco defende o investimento de 100.000 millóns de euros do Goberno central en Galicia

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, cualificou hoxe o Goberno de Pedro Sánchez como “o mellor da historia para Galicia” ao superar en oito anos os 100.000 millóns de euros de investimentos e asignacións nun contexto de máis dereitos para o conxunto da cidadanía. Fíxoo na apertura da xornada ‘A Pegada do Goberno en Galicia’ que repasa durante esta mañá o impacto da acción do Goberno na Comunidade nestes oito anos, nos que os tres últimos Pedro Blanco ocupou o cargo de delegado en Galicia. Estivo acompañado polos catro subdelegados: Abel Losada, en Pontevedra; Olimpia López, en Lugo; Eladio Santos, en Ourense; e Julio Abalde, na Coruña.
Na súa intervención, o delegado debullou as grandes cifras que deixa esta etapa de Goberno de Pedro Sánchez, que se reparten entre os 73.300 millóns de euros en financiación á Xunta; 12.556 millóns de euros de financiación a concellos e Deputacións, 10.390 millóns de investimentos a través dos orzamentos do Estado e 4.500 millóns asignados a través do Plan de Recuperación ata o 31 de marzo. Cifras que certifican, indicou o delegado, “que este é o Goberno que chegou aos galegos e as galegas cos maiores investimentos e con máis dereitos sociais que nunca anteriormente”.
O delegado abriu a xornada que reúne, en tres bloques temáticos, a doce protagonistas da acción do Goberno e representantes de administracións e entidades colaboradoras. Pedro Blanco puxo en valor este exercicio de transparencia que permite “subliñar o proxecto progresista do Goberno e os principais fitos que o fan realidade”, remarcando que a Delegación do Goberno encargouse de “dar continuidade e impulso á materialización destas políticas progresistas no territorio galego, chegando a cada recuncho e con accións en todos os ámbitos”.
Pedro Blanco repasou algúns dos exemplos que dan conta do impacto transformador do Goberno de España en Galicia e que representan “o mellor aval que presentamos para asegurar que non imos parar e que somos un Goberno de Acción”.
Economía e competitividade
A nivel industrial e económico, o delegado puxo en valos os compromisos coa industria naval, co programa de modernización das fragatas F-110, a construción do novo buque AOR e a transformación asociada das instalacións de Navantia, que superan os 5.500 millóns de euros en Ferrol. Engadiu o impulso á descarbonización da industria e as enerxías renovables, ou os investimentos en semicondutores, coa factoría de chips fotónicos que constrúe Zona Franca de Vigo.
Engadiu a mellora da competitividade e impulso á internacionalización, que se reflicte nos datos de exportacións de empresas galegas. Nesta liña, Galicia rexistrou o mellor balance comercial de España en 2025, con máis de 9.500 millóns de euros de saldo positivo.
Infraestruturas e vivenda
A nivel de comunicacións e infraestruturas, Pedro Blanco remarcou a aposta polo transporte ferroviario, no que apuntou como fitos a chegada do AVE a Galicia e a modernización dos corredores ferroviarios e das estacións intermodais. Unhas actuacións que suman 4.560 millóns de euros con compromisos ata 2030.
En estradas, o compromiso co mantemento das vías tradúcese este ano en 167 millóns de euros só en conservación de estradas e autovías. A esta realidade, únese a rebaixas das peaxes, tanto na AP-9 como, desde este ano, á AP-53. No sector aeroportuario, o delegado lembrou os investimentos nas pistas dos tres aeródromos e o futuro que se abre co novo DORA, que prevé novas melloras ata 2031 con 203 millóns de euros previstos. No aspecto medioambiental, lembrou o proxecto histórico de rexeneración da ría do Burgo e certificou a nova xestión que atende a protección dos recursos e das poboacións diante do cambio climático.
Estes investimentos complétanse coa mellora da mobilidade urbana e a humanización de vías e, sobre todo, coa aposta pola vivenda pública como política prioritaria do Goberno. O delegado cifrou en 500 millóns os investimentos xa executados aos que se sumarán case 400 millóns co novo Plan Estatal de Vivenda para avanzar no dereito á vivenda.
Benestar social
Tras a vivenda, o delegado reivindicou a consolidación do escudo social, como conxunto de dereitos e prestacións que naceron co obxectivo “de non deixar a ninguén atrás”. Entre elas, citou a revalorización das pensións e do SMI, a ampliación dos permisos laborais e o Ingreso Mínimo Vital.
Por último, sumou a consideración da xustiza social, a inclusión e a igualdade como elementos que vertebran a acción do Goberno e que reforzan a democracia.
Tras a intervención do delegado, a xornada comezou co primeiro bloque baixo o título de “Economía, Industria, Comercio e Competitividade”. Este tramo contou coa participación do delegado da Zona Franca de Vigo, David Regades; o director de Navantia Ferrol, Eduardo Dobarro; a directora de Comercio Exterior e delegada do ICEX en Galicia, Patricia Pérez, e o tenente de alcaldesa e concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica do Concello da Coruña, José Manuel Lage.
A seguinte mesa de debate xira en torno a “Infraestruturas”, permitindo analizar os investimentos no sector ferroviario, aéreo, viario e tamén as infraestruturas asociadas á recuperación medioambiental. Nesta mesa participan o director adxunto de Construción de ADIF Alta Velocidade, Juan Pablo Villanueva; o director de Aeroportos Grupo II de AENA, Raúl Moya; o xefe da Demarcación de Estradas de Galicia, Ángel González e o xefe da Demarcación de Costas de Galicia, Carlos Gil.
A terceira das mesas redondas versará sobre a “Educación, o Escudo Social e os dereitos”, e contará coa participación do subsecretario do Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes, Santiago Roura; a directora provincial do INSS na Coruña, Eva Fernández; o Presidente de Foro da Economía Social de Galicia ForoESgal, Mino Martínez e a xefa da Unidade Contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno na Coruña, Manuela Vilaboy.