Pedro Blanco entrega as Meninas de Galicia "para seguir na loita contra a violencia machista"

GaliciaXa | LugoXa | AMariñaXa | ACoruñaXa | OurenseXa
As premiadas foron Rosa Crujeiras, Carmen Marón, Sandra Mª Piñeiro, o Proxecto Vagalume de Santiago, o Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra e a Asociación Larume de Ourense, ademais de cinco mencións honoríficas
entrega-medallas-meninas-de-galicia
24 Nov 2026

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, chamou á cidadanía e institucións a “seguir esta loita” contra a violencia machista co exemplo que deixan os once recoñecementos e mencións honoríficas Meninas de Galicia, concedidos pola Delegación do Goberno. O delegado pronunciou estas palabras na clausura do acto de entrega destes recoñecementos, que alcanzaron á súa novena edición.

Na súa intervención, Pedro Blanco destacou que hoxe, nun acto que ten por centro a loita contra a violencia machista, “quizais é máis importante o que pensamos que o que dicimos”. “Seguro que é máis relevante o que calamos que o que berramos”, indicou o delegado momentos antes de mencionar un fito histórico acadado hai oito anos, a creación do primeiro Ministerio de Igualdade en España, para “loitar contra toda clase de discriminación”.

O delegado recordou outro fito histórico, neste caso de Islandia, o “Día das mulleres”, unha histórica xornada de folga feminista celebrada hai máis de 50 anos no que o 90% da mulleres pararon o país, feito que inspirou a novela titulada “Un día sen mulleres”. Fixo esta mención para lembrar a “crúa realidade” que viven as mulleres no mundo, en relación aos feminicidios, á discriminación ou a involución no dereito ao aborto que sofren nalgúns países, polo que convidou á reflexión e á acción.

Ademais, Pedro Blanco parafraseou ás persoas recoñecidas no acto, felicitounas polo seu traballo e deulles as grazas por “darnos folgos” para continuar a traballar en pro da igualdade.

Meninas 2026: recoñecementos e mencións

A Delegación do Goberno outorgou este ano un recoñecemento Meninas á reitora da Univerisdade de Santiago de Compostela, Rosa Crujeiras Casais. É a primeira muller e ocupar este cargo tras 531 anos de historia da institución e, tras a súa toma de posesión, creou o Vicerreitorado de Igualdade e Diversidade, desde o que traballa, entre outros, pola modificación dos regulamentos da universidade, para poñer o foco na prevención e na consolidación dunha universidade segura para as mulleres que traballan e estudan nela.

Tamén foi recoñecida nesta edición á política Carmen Marón Beltrán pola súa defensa dos dereitos das mulleres. Fou deputada no Congreso durante catro lexislaturas e coordinou a tramitación parlamentaria da Lei orgánica 1/2004 de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, aprobada por unanimidade. No ámbito municipal da Coruña, contribuíu a abrir espazos de responsabilidade política e de xestión ás mulleres.

Outro recoñecemento Meninas é para a presidenta da Audiencia Provincial de Lugo, Sandra María Piñeiro Vilas, tras máis de vinte anos de traxectoria profesional, académica e institucional vinculada á protección dos dereitos das mulleres, á loita contra as violencias machistas e á defensa da igualdade efectiva entre mulleres e homes.

Así mesmo, a Asociación Larume Axencia de Igualdade de Ourense foi recoñecida pola súa traxectoria de colaboración con centros educativos, concellos, entidades do terceiro sector e centros municipais de información ás mulleres para desenvolver proxectos dirixidos á infancia, á mocidade e á poboación adulta. O seu labor céntrase na promoción da igualdade efectiva, na educación libre de discriminacións e na prevención das violencias machistas mediante ferramentas educativas e de sensibilización.

Tamén, o proxecto Vagalume, unha iniciativa das Irmás Oblatas e de Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela, foi galardoado polo seu labor para dar unha resposta integral ás necesidades das mulleres vinculadas ao exercicio da prostitución e das vítimas de trata con fins de explotación sexual. Ofrécelles apoio, información e orientación para a súa autonomía e o o acceso aos seus dereitos fundamentais.

Finalmente, outro Recoñecemento Meninas recaeu no Colexio Oficial de Farmacéuticos de Pontevedra, que destaca pola posta en marcha, en colaboración coa Subdelegación do Goberno en Pontevedra, do Programa de intervención do farmacéutico en materia de violencia de xénero nesta provincia. Esta iniciativa, pioneira en Galicia, aproveita a proximidade das farmacias comunitarias para reforzar a prevención, a detección precoz e a derivación de mulleres en situación de violencia de xénero.

Ademais, o xurado dos Recoñecementos Meninas acordou tamén a concesión de cinco mencións honoríficas: unha de tipo autonómico e catro, provinciais. As Mencións recaen nesta edición na Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia-Acadar; na Policía Local de Rianxo (A Coruña), no Equipo Viogen da Compañía da Garda Civil de Burela (Lugo); en Carlos Vázquez, xefe da Unidad UFAM da Comisaría da Policía Nacional de Ourense, e no Equipo Viogen da Compañía da Garda Civil de Vilagarcía (Pontevedra) con sede en Cambados.

Distinción á ‘Comunicación en Igualdade’

Por cuarta vez, os Recoñecementos Meninas contemplan a distinción a xornalistas, empresas e proxectos de comunicación social de Galicia que promovan os valores de igualdade e a erradicación da violencia machista. Nesta categoría, coa denominación ‘Comunicación en Igualdade’, a Delegación do Goberno en Galicia conta coa colaboración do Colexio Oficial de Xornalistas de Galicia, como entidade asesora.

Este ano, esta mención especial recae nas profesionais do xornalismo que, no ano 1997, fundaron a primeira Asociación de Mulleres Galegas da Comunicación MUGACOM: Amanda Álvarez, Begoña Caamaño (falecida), Paula Castro, Arancha Estévez, Carme Hermida, Carme Iglesias, Rosa Martínez (falecida), Tareixa Navaza, María Xosé Porteiro, Ana Romaní e Teresa Varela. Na resolución de concesión recoñécese “o papel pioneiro destas mulleres na organización das xornalistas galegas e na denuncia do sexismo no sector da comunicación”.

A entrega dos Recoñecementos Meninas tivo lugar onte no Hostal dos Reis Católicos, na semana en que se conmemora do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, o 25 de novembro. A gala foi conducida pola xornalista Aida Pena e contou coa actuación do grupo Delta Music.

O acto congregou en Santiago de Compostela a responsables de institucións civís, xudiciais, militares e das distintas Administracións: as subdelegadas e subdelegados do Goberno, as alcaldesas de Santiago e A Coruña, a presidenta da Deputación de Lugo e o presidente da Deputación da Coruña, a fiscala superior de Galicia, responsables das Forzas e Corpos de Seguridade, da Xunta e outras institucións.

Os Recoñecementos Meninas foron creados no ano 2004 polo Goberno de España. As distincións seleccionan a persoas e entidades que sobresaen polo seu compromiso na erradicación da violencia de xénero, no apoio ás vítimas e na loita pola igualdade e teñen como escenario a celebración do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. En Galicia, as Meninas concédense desde o ano 2018 tras a determinación da Delegación do Goberno de trasladar estes recoñecementos ao ámbito autonómico, e coincidindo coa chegada ao Goberno de Pedro Sánchez.

0.15896892547607