Pedro Blanco presenta o Plan de Choque da DGT en Galicia
O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, presentou hoxe na Coruña o impacto que terá en Galicia o Plan de Choque posto en marcha pola DGT para atallar o aumento dos sinistros mortais de tráfico nas estradas. Pedro Blanco cualificou como “feito inaceptable” o balance de sinistralidade en Galicia, que fala dun aumento das cifras de persoas mortas nas estradas da Comunidade, sobre todo no colectivo de usuarios vulnerables (peóns, ciclistas e motociclistas). “Entre xaneiro e abril deste ano as estradas de Galicia rexistraron 37 persoas falecidas, das que un 40% formaban parte do colectivo de vulnerables”.
Detrás desta esta realidade, o delegado sinalou que se detecta unha “relaxación nas medidas de seguridade, como o uso do cinto; o incremento da velocidade e, sobre todo, o consumo de alcol”. Advertiu tamén da “falta de solidariedade” nas estradas, promovendo neglixencias que son causa de moitos destes accidentes: “Desgraciadamente hai moitas persoas que cando collen un coche, un camión ou unha furgoneta xa saben que van incumprir a lei. E, o peor, promoven esta conciencia e protexen a outros infractores ao avisar da presencia de radares e controis”.
O delegado do Goberno explicou estas medidas nun acto informativo celebrado na sala de pantallas do Centro de Xestión de Tráfico do Noroeste, e que contou coa asistencia da subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas; da coordinadora da DGT en Galicia, Victoria Gómez; do xeneral xefe da Garda Civil de Galicia, Miguel González; do tenente coronel xefe do Sector de Tráfico de Galicia da Garda Civil, Antonio Hidalgo; e do xefe deste Centro de Xestión de Tráfico do Noroeste, Ramiro Martínez.
O delegado fixo un repaso polas medidas que xa se están a poñer en marcha en Galicia, e que se engloban en catro grandes paquetes: máis sensibilización, con máis atención a colectivos vulnerables; melloras nas medidas de control e vixilancia; reformulación dos controis de alcol e drogas e melloras técnicas.
Fomento da cultura preventivas
O delegado lembrou o traballo que están a facer nas distintas campañas de control e de sensibilización e a iniciativa que promove a educación viaria nas escolas a través do Plan Director de Seguridade Escolar. Na sensibilización fixo unha chamada aos motoristas, un dos colectivos más vulnerables nas estradas. “A partir deste mes de maio os axentes de tráfico daranlles a pé de estrada consellos e información para conciencialos sobre a súa vulnerabilidade”, sinalou Pedro Blanco. Tamén con respecto aos motoristas, o delegado avanzou que a Garda Civil “operará co apoio de dúas motocicletas camufladas con axentes vestidos tamén de paisano”, que se atopan xa en Galicia.
Mellora das medidas de control e vixilancia
Este segundo paquete de medidas contempla a instalación de nove radares máis en Galicia, e na reactivación do helicóptero de vixilancia Pegasus, con base en Santiago. Os nove radares (cinco fixos e catro de tramo) colocaranse en zonas onde se detectan máis sinistros mortais
- 3 na provincia da Coruña (un de tramo e dous fixos);
- 1 fixo na provincia de Lugo;
- 1 radar fixo e outro de tramo na provincia de Ourense e
- 2 radares de tramo e 1 radar fixo nas estradas de Pontevedra.
O delegado avanzou que xa se está a traballar na obras de instalación previas á colocación dos radares. Subliñou, ademais, que por primeira vez “serán instalados radares de tramo en estradas convencionais”.
Reformulación dos controis de alcolemia, aumento dos controis e incorporación de controis dinámicos
O delegado alertou sobre a realidade que detecta a Garda Civil, que apunta a que en Galicia “cada vez máis, hai xente que bebe e, conscientemente, colle o coche”. Puxo como exemplo deste feito que en 2023 o alcol estivo presente en 4 de cada 10 accidentes mortais en Galicia, ao que se pode engadir que “a Garda Civil de Tráfico detecta cada mes a máis de 1.000 persoas conducindo tras consumir alcol”.
As medidas neste epígrafe inclúen o aumento nos controis de alcolemia que, ata fin de ano, superarán os 22.500 en Galicia. Ademais, reformularanse estes controis de alcol e drogas, para dotalos de máis mobilidade e impacto para eludir os avisos por redes sociais e canles de mensaxería. Deste xeito, “onde antes había controis dunha hora, agora vai haber tres de 20 minutos e en tres localizacións distintas, que serán zonas de moito movemento e, sobre todo, nas fins de semana”, en palabras do delegado do Goberno.
Pedro Blanco engadiu que a Garda Civil porá en marcha un novo tipo de control dinámico, que escapa aos sistemas de aviso e alerta. Este control significa que, “en calquera momento, vía ou circunstancia, unha patrulla de Tráfico realizará controis de alcol e drogas a condutores ou condutoras aos que dean o alto”.
Melloras técnicas
O último paquete de medidas está orientado á mellora de instalacións e de equipamentos, entre os que destacan os Sistemas Intelixentes de Transporte, que se van intensificar: “Estou a falar dos paneis de información variable, o uso de cámaras e o seguimento a través das pantallas do Centro de Control de Tráfico”. Ademais, a DGT comezara este mes de maio a obra de ampliación do Centro de Xestión de Tráfico do Noroeste, que se adaptará aos novos equipos e contará cunha sala de crise, entre outras melloras.