Pereiro de Aguiar cancela o campamento xuvenil previsto en Manzaneda por falta de participantes

O Concello de Pereiro de Aguiar comunicou a suspensión do SummerCamp Manzaneda ao non alcanzarse o número mínimo de inscricións necesario para garantir a súa realización.
Segundo informou o consistorio, as persoas que xa formalizaran a súa participación recibirán a devolución do importe abonado nos vindeiros días.
A proposta estaba prevista para os días 3, 4 e 5 de xullo e nacía como unha iniciativa de lecer xuvenil centrada na convivencia, a actividade física e o contacto coa contorna natural nun espazo de montaña.
O programa contemplaba diferentes actividades deportivas e recreativas ao aire libre, entre elas rocódromo, sendeirismo, piscina, orientación, xogos, utilización de telecadeira e vivacs, ademais doutras dinámicas de grupo.
A organización incluía pensión completa para os participantes e establecía un prezo de 105 euros por persoa. O campamento estaba deseñado cunha capacidade entre 25 e 35 participantes, sendo preciso alcanzar o número mínimo establecido para a súa posta en marcha.
Con esta iniciativa, o Concello de Pereiro de Aguiar buscaba reforzar a programación xuvenil de verán mediante actividades que combinasen deporte, natureza e experiencias de convivencia.