Pereiro de Aguiar celebra esta noite a primeira edición do Ruxido Fest con música e festa para a xuventude

OurenseXa
Haberá autobuses de ida e volta entre o Paseo Mestre Vide, con paradas intermedias na zona das Lagunas, e o Complexo Deportivo de Monterrei
cartel-ruxido-fest
13 Jun 2026

Pereiro de Aguiar celebra esta noite a primeira edición do Ruxido Fest, unha proposta musical que se celebrará nunha contorna natural próxima ao Complexo Lúdico-Deportivo de Monterrei e ao Parque Acuático.

A iniciativa busca consolidarse como unha xornada de encontro xuvenil na que se combinen música en directo, lecer e espazos ao aire libre, cun formato de acceso libre e gratuíto.

O festival desenvolverase durante a noite con actuacións programadas de forma continua a partir das 22.00 horas, coa participación de distintos artistas e grupos como Denial 404, Marcos Gramola, Dumore, Dmiron, Lg1do e Groove Amigos, que se irán sucedendo ata a madrugada.

Para facilitar o desprazamento do público, habilitouse un servizo especial de autobuses con saídas desde o Paseo Mestre Vide, con paradas intermedias na zona das Lagunas, e destino directo ao Parque Acuático de Monterrei. O dispositivo contará con viaxes de regreso ao remate do festival e a posibilidade de reforzos en función da demanda.

Así mesmo, o Concello habilitou un aparcadoiro público no Parque Empresarial do Pereiro de Aguiar, con acceso pola OU-537, situado nas inmediacións do recinto, co obxectivo de mellorar a mobilidade e facilitar a asistencia ao evento.

0.12925100326538