Pereiro de Aguiar celebrará unha nova edición do festival Xoldra de Aguiar o vindeiro 19 de setembro

RibeiraSacraXa | OurenseXa
A cita, con entrada de balde, combinará música tradicional, animación infantil e unha foliada popular co obxectivo de recuperar as festas de sempre como punto de encontro veciñal
xoldra_de_aguiar
20 Aug 2026

O delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, participou esta mañá na presentación do festival Xoldra de Aguiar, que terá lugar o vindeiro 19 de setembro no concello de Pereiro de Aguiar. Acompañárono no acto Marcos Vázquez, director da Área de Cultura e Deporte da Deputación, e Casiano Ángel Feijóo, concelleiro de Cultura, Sanidade e Consumo do concello anfitrión.

O festival ten como principal obxectivo poñer en valor o rural a través da cultura das festas populares, empregándoas como catalizador dunha xornada musical, que se completará ademais con programación dirixida ao público infantil.

Trátase dunha iniciativa patrocinada pola Xunta a través de Turismo de Galicia, no marco do programa Concertos do Xacobeo, e que conta coa colaboración da Deputación Provincial de Ourense e do concello de Pereiro de Aguiar. Segundo explicou o delegado, a proposta busca animar tanto aos veciños do municipio como aos das localidades próximas a recuperar as festas populares como lugar de xuntanza comunitaria.

A entrada a esta edición será de balde. O cartel inclúe a actuación do grupo de música tradicional Treixadura, mentres que a animación infantil correrá de novo a cargo de Pablo Estévez —repetindo tras o bo resultado acadado o ano pasado— cun novo espectáculo de maxia familiar titulado 'Trasnadas'. A foliada, pola súa banda, estará protagonizada pola agrupación As Lapacaldas, coa colaboración de Airiños dos Foles.

Manuel Pardo salientou, para rematar, que o apoio a iniciativas como esta permite que os Concertos do Xacobeo sigan impulsando un modelo cultural descentralizado, que achega propostas de calidade a todo o territorio galego e favorece a dinamización económica e turística de vilas e comarcas mediante a celebración de eventos singulares. Neste sentido, sinalou que na provincia de Ourense o programa apoia xa, durante 2026, preto dunha vintena de eventos que contribúen a descentralizar a programación cultural e a levar propostas musicais de primeiro nivel a diferentes puntos do territorio.

0.11117792129517