Pereiro de Aguiar completa a mellora da estrada entre San Benito e Sabadelle cun investimento superior aos 100.000 euros

O Concello do Pereiro de Aguiar completou os traballos de mellora e asfaltado da estrada que comunica os núcleos de San Benito e Sabadelle, unha actuación desenvolvida en dúas fases e cun investimento conxunto superior aos 100.000 euros.
A segunda fase das obras permitiu continuar os traballos iniciados o ano pasado e completar así a renovación de toda a vía. A intervención centrouse na mellora do firme entre os núcleos de San Benito e Pereiro de Aguiar, co obxectivo de facilitar unha circulación máis cómoda e segura para as persoas usuarias.
A estrada constitúe unha vía de comunicación habitual para os núcleos de San Benito e Sabadelle e a actuación beneficiará directamente arredor de 1.600 persoas que utilizan este percorrido.
Con esta segunda intervención conclúese o proxecto de mellora da estrada, que se executou de maneira progresiva mediante as dúas fases realizadas entre o ano pasado e este exercicio.