Pereiro de Aguiar elixe aos gañadores do VI Concurso de marcapáxinas

O Concello de Pereiro de Aguiar vén de facer público o fallo do “VI Concurso de marcapáxinas” organizado con motivo do Día do Libro, no que se recoñeceron os mellores traballos presentados polo alumnado de distintos centros educativos.
En total, concedéronse quince premios, cinco por cada categoría. Así, na de 3 a 6 anos todos os premios recaeron nos nenos e nenas do Colexio Ben-Cho-Shey. Na categoría de 7 a 10 anos, outorgáronse cinco premios, repartidos entre o Colexio Guillelme Brown e o Colexio Miraflores. Por ultimo, na categoría de 11 a 15 anos, concedéronse tamén cinco premios, correspondentes ao Colexio Ben-Cho-Shey, ao Colexio Miraflores e ao Colexio Guillelme Brown.
O certame valorou a imaxinación, a técnica, a orixinalidade e o resultado final das obras presentadas, segundo as bases da convocatoria.