Pereiro de Aguiar investirá 1,2 millóns de euros en renovar 1.314 luminarias con tecnoloxía LED

O Concello de Pereiro de Aguiar anunciou un investimento de 1,2 millóns de euros para a renovación de 1.314 luminarias con tecnoloxía LED e a modernización de 34 centros de mando. Esta actuación, que se desenvolverá nas 13 parroquias do municipio, enmárcase na súa estratexia de eficiencia enerxética e loita contra o cambio climático.
Grazas á cooperación do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), este proxecto permitirá mellorar a iluminación pública, reducir o consumo eléctrico e ofrecer un mellor servizo á veciñanza. A selección das zonas a renovar realizouse atendendo a criterios de densidade de poboación e factores técnicos, afectando a un terzo do total das luminarias do municipio, que conta con aproximadamente 4.000 puntos de luz.
Con esta intervención, sumada ás realizadas nos últimos anos, máis da metade do alumeado público de Pereiro funcionará con tecnoloxía LED. Isto permitirá ofrecer un servizo máis eficiente directamente ao 70% da poboación, que ronda os 7.000 habitantes.
O alcalde de Pereiro de Aguiar, Luis Menor, subliñou o compromiso do Concello coa modernización do alumeado público: "Continuaremos co obxectivo de acadar canto antes a substitución completa de todas as lámpadas e mellorar un servizo esencial como é o do alumeado público no noso concello", asegura o rexedor.