Pereiro de Aguiar ofrecerá asesoramento á mocidade para solicitar o Bono Alugueiro

Dentro do novo servizo de asesoramento técnico en materia de vivendas posto en marcha no Concello de Pereiro de Aguiar, o servizo municipal ofrecerá axuda aos mozos e mozas na solicitude do Bono Alugueiro Mocidade, unha axuda económica destinada a facilitar o acceso á vivenda a persoas menores de 36 anos.
A nova convocatoria do Bono Alugueiro Mocidade, explican dende o Concello, está dotada cun orzamento de 13 millóns de euros durante dous anos, co obxectivo de subvencionar parte do custo do alugueiro. O programa ofrece unha axuda mensual de 250 euros, prorrogable por dous anos, para o pago da renda.
O Concello ofrecerá este servizo de asesoramento con cita previa, todos os venres de 10.00 a 14.00 horas, nas instalacións do propio Concello. Para solicitar cita, pódese chamar ao teléfono 622 387 058 ou enviar un correo electrónico a info@pereiro.gal.
Este servizo tamén ofrece información sobre outros programas de axudas en materia de vivenda a nivel autonómico, estatal e europeo, dirixidos a particulares, comunidades de propietarios e empresas.