Pereiro de Aguiar prepárase para a chegada do Ouren Sound Fest

OurenseXa
O IX Ouren Sound Fest ofrecerá preto dunha vintena de concertos no Complexo Deportivo de Monterrei, que acolle por primeira vez a celebración deste evento
presentacion-ourensound-2024
Presentación do Ouren Sound Fest 2024
21 Maio 2024

A Deputación de Ourense colabora coa novena edición do festival Ouren Sound Fest, “evento consagrado no calendario de festivais de Galicia”, salientou o presidente provincial, Luis Menor, hoxe na presentación deste evento no Complexo Deportivo de Monterrei, acompañado polo xefe da área provincial de Turismo en Ourense, Cecilio Santralices, o director do festival, Rubén Álvarez; e o delegado en Galicia de Mahou, Txus Saez.

A novena edición deste festival celebrarase do 23 ao 26 de maio, por primeira vez, no Complexo Deportivo de Monterrei, no Pereiro de Aguiar, “sendo o lugar idóneo para acoller a primeira festa do verán”, afirmou Luis Menor.

Este festival de produción ourensá, que conta coa colaboración de institucións públicas e privadas, atrae a numerosos asistentes de case todas as provincias de España e do norte de Portugal, “o que da boa conta do seu bo facer e da repercusión que está collendo fóra da nosa provincia”, sinalou Luis Menor.

Grupos emerxentes e artistas consagrados

Ao fío disto, o presidente provincial lembrou que o Ouren Sound Fest é o “terceiro evento cultural da provincia máis numeroso, despois do Entroido. Un evento que serve de escaparate da gran música que se está a facer en Galicia, sen esquecer tamén as figuras consagradas a nivel estatal e internacional”.

Este ano o cartel musical está protagonizado por: Arde Bogotá, Fillas de Cassandra, Shego, Grande Amore, The Rapants, La duendeneta e Señora Dj, que actuarán o venres, 24 de maio, a partir das 19.30 horas. O sábado, 25 de maio, a partir das 17.00 horas, comezará unha nova xornada do festival con obradoiros e no apartado musical estarán Sidonie, Tanxugueiras, Shinova, Valira, Ángel Carmona e La Duendeneta. Tamén haberá concertos na Praza da Igrexa, no Pereiro, o xoves, 23 de maio con Gargantúa, a partir das 19.45 horas, e Catuxa Salom actuará desde as 20.50 horas; e o domingo, 26 de maio, con Brais das Hortas, a partir das 12.30 horas.

Actividades complementarias

Ouren Sound Fest transcende ao ámbito puramente musical e aglutina nun mesmo evento música, artesanía, natureza, historia e gastronomía. Este festival complementa a oferta musical con actividades culturais como obradoiros, exposicións, zona gastronómica... que “aporta valor engadido ao propio festival”, salientou o presidente provincial.

Neste sentido, Luis Menor destacou que o Ouren Sound Fest converteuse “nun importante medio de difusión e concienciación de determinados oficios, contribuíndo así, non só a manter vivas as nosas tradicións, senón a poñelas en valor entre o público asistente”.

0.17973113059998