Persoal de INDEA mobilízase en Ourense tras o despedimento dunha traballadora por lesión laboral

GaliciaXa | OurenseXa
O sindicato CIG-Industria denuncia que a empresa rexeitou adaptar o posto dunha empregada con epicondilite e reclama a súa readmisión inmediata
protesta-indea-ourense
12 Jun 2026

Persoal da empresa de automoción INDEA, situada no polígono de Pereiro de Aguiar, concentrouse este mércores diante das instalacións para protestar polo despedimento dunha traballadora e esixir a súa reincorporación ao posto.

A mobilización foi convocada pola CIG-Industria, que sostén que a empregada, afectada por unha lesión derivada do traballo repetitivo na liña de inxección, solicitou unha adaptación das súas funcións que non foi atendida pola compañía. Segundo a central sindical, semanas despois recibiu comunicación de despedimento obxectivo por suposta ineptitude sobrevida.

Durante a protesta, as persoas participantes fixeron visible a súa reivindicación baixo o lema “enfermar non é un delito”. Desde o sindicato denuncian que a decisión empresarial supón trasladar á traballadora a responsabilidade da súa propia doenza. Neste sentido, sinalan que “Chámanlle ineptitude ao que eles mesmos fixeron: destruír a súa saúde”.

A organización sindical cualifica o ocorrido como unha práctica de “violencia laboral” e vincúlao a un contexto máis amplo de reestruturación na compañía, agora integrada no grupo SAPA. Segundo explican, a operación de absorción de empresas no sector podería derivar en cambios laborais e movementos internos que afectan ao persoal.

“O patrón é claro: SAPA absorbeu Megatech, que ten outra planta de inxección de plástico xusto en fronte de INDEA. Nos próximos meses haberá axustes de persoal, cambios de categoría e movementos entre empresas. Esta traballadora é a primeira, pero non vai ser a última se non nos opoñemos a esta política empresarial”.

Entre as demandas trasladadas na concentración figuran a readmisión inmediata da empregada despedida, a aplicación efectiva de adaptacións de posto sen consecuencias laborais negativas e o recoñecemento das lesións musculoesqueléticas derivadas de tarefas repetitivas como enfermidades profesionais. O sindicato reclama tamén garantías ante posibles procesos de reorganización interna na empresa.

0.15163612365723