Piden que se recupere a programación cultural en Ourense durante o verán
O grupo municipal socialista levará ao vindeiro pleno ordinario unha iniciativa para pedir que se recupere a programación cultural nos meses de verán, no Concello de Ourense, e que se manteña no tempo. “A nosa cidade convértese cada época estival nun deserto cultural. Temos un alcalde que exerce de presidente de comisión de festas no canto de facelo como rexedor da terceira cidade de Galicia”, expón a voceira do PSdeG na Casa Consistorial, Natalia González Benéitez.
No texto da iniciativa, as e os socialistas lembran que a cidade contou no pasado máis recente con dúas iniciativas: unha impulsada polo propio goberno local de 2015 a 2019 (o programa Verán Cultural), e outra promovida e organizada por unha vintena de colectivos (o Veránearte de EsCuA), de 2011 a 2019 aproximadamente, que deron vida e impulso a actividades deste eido no estío e, de xeito especial, ás rúas do noso casco histórico.
Neste senso, lamentan dende o grupo do PSOE que non quede nin rastro desas iniciativas e que a poboación e as e os turistas que visitan a cidade teñan que desprazarse ata outras da mesma provincia, ou galegas, para desfrutar de concertos, teatro ou mesmo danza. “Consideramos necesario poñer, un ano máis, esta problemática enriba da mesa e por iso o levaremos unha moción esixindo que o alcalde e o seu equipo de goberno presenten unha oferta para os meses de verán que sexa continua no tempo. Queremos que Ourense deixe de ser un deserto para mudar cara a un oasis da cultura”, engade.
As festas do Corpus son outro claro exemplo do proceder do executivo de Gonzalo Pérez Jácome á hora de xestionar a cultura, no termo máis amplo da palabra. “As últimas patronais da cidade poden cualificarse como as peores da historia: escasa variedade de oferta e planificación e pouca participación. As festas por excelencia da terceira cidade de Galicia quedaron convertidas nas de calquera pobo da contorna, coas mesmas actuacións que cada tres meses se organizan nos distintos barrios”, defende a tamén secretaria xeral da formación política en Ourense.
A lista de movementos e programas perdidos nos últimos anos -co goberno conxunto de Partido Popular e Democracia Orensana ou deste último en solitario- é lamentablemente extensa. Así as cousas, as e os socialistas enumeran algúns exemplos como o festival Ouren Sound Fest (que se trasladou o pasado mes de maio ao concello de Pereiro de Aguiar), Danza no Claustro ou Corpo a Terra (dúas propostas escénicas que levaban anos organizándose en lugares históricos da urbe e que agora, se queren continuar con vida, teñen que desenvolverse noutros concellos da provincia como acontece no caso da danza).