Pilar Cernuda recibiu este venres o Premio Carlos Casares de Xornalismo 2024
A xornalista Pilar Cernuda – García Lago é, desde este venres, Premio Carlos Casares de Xornalismo. Ao acto de entrega desta distinción, que tivo lugar no Casino Antelano de Xinzo de Limia asistiu o presidente provincial, Luis Menor, quen lembrou que esta semana foi “importante” para o xornalismo da provincia, comezando coa entrega do XXXIII Premio Carracedo, que anualmente entrega a Deputación, e que recaeu en Luis Álvarez Pousa; e culminando coa entrega deste galardón recuperado polo Concello de Xinzo en honra dun dos seus veciños máis ilustres, o escritor Carlos Casares.
Na súa intervención, Luis Menor destacou a Pilar Cernuda como “parte fundamental da historia xornalística e da política da España dos últimos 50 anos”, lembrando que foi unha das xornalistas pioneiras da democracia, vivindo en primeira persoa os feitos máis relevantes da política española, “e que sempre se caracterizou pola súa discreción, ponderación e rigor. Pola súa excelsa profesionalidade, co respecto dos seus compañeiros”.
Tamén quixo compartir Luis Menor as súas reflexións sobre a situación actual do xornalismo, en tempos da chamada “posverdade”, ao fío do expresado o martes polo Premio Carracedo 2024, Luis Álvarez Pousa, -quen defendeu daquela a “vocación de servizo” dos profesionais que exercen o xornalismo con ética e compromiso-. Así, Menor, analizou que nestes tempos onde é complicado discernir a verdade do que non o é pola proliferación de diferentes canais “é máis necesario que nunca reivindicar aos profesionais que defenden o rigor, a ética xornalística e que predican co exemplo no seu día a día, escribindo as crónicas que configuran a historia do noso país”.