Pili Pampín, Tania Veiras ou o Mago Teto chegan este domingo ao Auditorio na IX Gala contra o Cancro de Ourense

OurenseXa
Este sábado será o último día para adquirir as entradas de forma anticipada para esta edición, que tamén contará coa participación dos Gin Toni’s e o Grupo de Baile Saudeter
Gala Contra o Cancro, Auditorio Muncipal de Ourense
Gala Contra o Cancro de Ourense
11 Jan 2025

O Auditorio Municipal volverá albergar este domingo 12 de xaneiro a IX Gala contra o Cancro de Ourense, que nesta edición contará coas actuacións de Pili Pampín, Tania Veiras, o Mago Teto, os Gin Toni’s e o Grupo de Baile Saudeter.

Este sábado será o último día para poder adquirir as entradas de forma anticipada, que se poderán obter na Estación de Servizo Mariñamansa, na Estación de Servizo Pérez Rumbao, no Café Bar Centos (Seixabo) e na Central Heladera da rúa do Paseo. Ademais, o propio domingo, poderán adquirirse na propia billeteira do Auditorio. Ademais, durante o partido do Club Ourense Baloncesto deste sábado tamén se poderán comprar as entradas.

Despois de oito anos, a Organización ofrece unha variedade de estilos e propostas artísticas para todos os públicos. O Grupo de Baile Saudeter Ourense será o responsable da danza desta gala, presentando o urban como estilo abandeirado e prominente nesta agrupación. Tras a súa colaboración co referente galego do trap, Ortiga, e como colaboradora e presentadora habitual de programas de televisión, a artista Pili Pampín volve formar parte do cartel, xa que na pasada edición non puido participar debido a unha enfermidade vírica. En canto a Tania Veiras, é cantante, presentadora de programas de televisión e produtora musical, co repertorio máis variado, e xa compartiu escenario en varias ocasións con Pili Pampín. Para finalizar coa proposta musical, os Gin Toni’s, un grupo de versións de grandes clásicos da nosa música con raíces ourensás e tamén da Ribeira Sacra, porán o broche final a este evento.

A maxia chegará desde Viana do Bolo cun dos magos máis coñecidos de toda Galicia: o mago Teto. A gala estará conducida polas comunicadoras e presentadoras Lucía Regueiro – actriz todoterreo e presentadora de Televisión de Galicia – e Lucía Veiga – actriz, cómica e recentemente nominada como Mellor Actriz Revelación nos Premios Goya.

A Gala contra o Cancro conta co patrocinio do Concello de Ourense, o Auditorio Municipal de Ourense, a Deputación de Ourense, Abanca, Clínica Dental Parracía e Pérez Rumbao e coa colaboración de Abella Creativa, 20 de Vyrras, Aleuto Medios Dixitais, Grupo Cuevas, Bodegas Galegas, Redeiras, OSI Gourmet, Coren, Saudeter, Agapé Liceo e Estilo Único.

Este evento está organizado pola Asociación Cultural As Canellas e a favor da Asociación Española contra o Cancro.

0.15854692459106