Piñor abre a venda de entradas para a súa tradicional cita cos callos o 11 de outubro

Xa están á venda as entradas para a IX Festa dos Callos de Piñor, unha cita gastronómica que se celebrará o domingo 11 de outubro na Praza do Arenteiro. A organización lembra que é imprescindible contar coa entrada para acceder ao recinto onde terá lugar o xantar.
Onde mercar as entradas
O prezo é de 25 euros por persoa e os tickets poden adquirirse ata o 7 de outubro de 2026 en varios establecementos do municipio:
- Concello de Piñor
- Restaurante Ateneo (O Reino)
- Gasolineira Ateneo (O Reino)
- Bar O Refugio (Cotelas)
- Farmacia Marina Diéguez (Piñor)
- Café Bar O Peilán
Dende a organización insisten en que as entradas deben mercarse con antelación, xa que por motivos organizativos non se venderán o mesmo día do evento. Os menores de 10 anos poderán asistir de balde, sempre que dispoñan da entrada infantil correspondente.
Programa da xornada
A xornada comezará ás 10.00 horas coa saída dunha caravana de motos dende o Arenteiro. O percorrido, que transcorrerá pola zona, contará cunha parada a metade de traxecto para tomar pinchos e co regreso á Praza do Arenteiro para o xantar. Durante a comida, as motos participantes exporanse no aparcadoiro situado ao carón do recinto da festa.
A programación complétase con hinchables para os máis cativos e unha actuación musical. Ás 14.00 horas darase comezo ao xantar, cun menú composto por empanada, lacón, callos e sobremesa. As bebidas inclúen viño, auga, refrescos, café e chupitos.
Como participar na ruta en moto
Quen queira sumarse á IX Ruta dos Callos deberá adquirir tamén a entrada do xantar e cubrir un formulario de inscrición. Este documento pode solicitarse á organización ou cumprimentarse a través dunha ligazón en liña habilitada para isto.
A celebración está organizada e conta coa colaboración de Inorde, a Deputación de Ourense e o Concello de Piñor.