Piñor celebra este venres as súas actividades infantís co gallo do 25N

O Concello de Piñor suma esta semana á súa axenda unha cita coa infancia, enmarcada nos actos co gallo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, que se conmemora o 25 de novembro. Será este venres, día 20, cando os pequenos e pequenas que participan no servizo municipal de conciliación familiar “Piñor Concilia Familias Tardías” tomen parte nunha tarde de actividades pensadas para achegarlles, dende idades temperás, valores como a igualdade e o bo trato.
A xornada, que se desenvolverá de 16.00 a 19.30 horas, estará guiada por Miriam, monitora do programa, quen proporá aos participantes dúas dinámicas complementarias. A primeira consistirá na elaboración conxunta dun mural baixo o título “Pintamos un mundo libre de violencia”, no que os nenos e nenas plasmarán mensaxes relacionadas coa igualdade, o respecto e as boas relacións entre as persoas. A segunda será o xogo “O semáforo das emocións”, un exercicio orientado a axudar aos máis pequenos a identificar e xestionar sentimentos como a ira, a tristeza, a calma ou a alegría, ao tempo que se fomenta o respecto polos límites propios e alleos.
Dende o Concello insisten en que traballar estes valores dende a infancia contribúe a construír, de cara ao futuro, unha sociedade libre de violencia.