Piñor levará o cine ao aire libre á Praza do Arenteiro este xoves

A Praza do Arenteiro de Piñor transformarase o vindeiro 20 de agosto nunha sala de cine ao aire libre cunha nova sesión do Circuito Provincial de Cine de Verán da Deputación de Ourense. A actividade dará comezo ás 22.00 horas.
O público poderá asistir á proxección de “Rondallas”, película dirixida por Daniel Sánchez Arévalo que aborda a historia dun pequeno pobo mariñeiro dous anos despois dun tráxico naufraxio dun barco pesqueiro que marcou á veciñanza.
A película presenta como os habitantes da localidade deciden recuperar a ilusión e deixar atrás o loito. Para iso, volven unirse e poñen en marcha unha rondalla, unha agrupación de música tradicional na que participan persoas de diferentes xeracións, desde os máis pequenos ata os maiores.
A iniciativa da veciñanza ten como obxectivo participar nun concurso fronte a outros pobos, pero tamén recuperar a ilusión e comezar a mirar novamente cara ao futuro.