Piñor organiza actividades infantís co gallo do 25N dentro do seu programa de conciliación

OurenseXa
O Concello desenvolverá un mural colectivo e unha dinámica sobre emocións para sensibilizar aos máis pequenos sobre a igualdade e o bo trato
NEDA nenos
Imaxe de arquivo ilustrativa
12 Nov 2026

O Concello de Piñor ten programado para o vindeiro venres, 20 de novembro, unha serie de actividades dirixidas á infancia co gallo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, que se conmemora o 25 de novembro. A iniciativa enmárcase dentro do programa municipal ‘Piñor Concilia Familias Tardías’ e terá lugar de 16.00 a 19.30 horas.

As actividades, dirixidas aos nenos e nenas que participan neste servizo de conciliación familiar, estarán a cargo de Miriam, monitora do programa, quen guiará aos pequenos a través de dúas propostas pensadas para traballar valores de igualdade e respecto dende idades temperás.

A primeira delas consistirá na elaboración conxunta dun mural titulado ‘Pintamos un mundo libre de violencia’, no que os participantes plasmarán mensaxes relacionadas coa igualdade, o respecto e o bo trato entre as persoas.

Como segunda proposta, desenvolverase o xogo ‘O semáforo das emocións’, unha dinámica pensada para axudar aos máis pequenos a identificar e xestionar emocións como a ira, a tristeza, a calma ou a alegría, ademais de fomentar o respecto polos límites propios e alleos e a construción de relacións sas.

Dende o Concello incídese na importancia de traballar estes valores dende a infancia, baixo a idea de que educar no presente contribúe a construír, no futuro, unha sociedade libre de violencia.

0.16241383552551