Presas pide no Carballiño concentrar o voto no BNG para cambiar o rumbo de Ourense

OurenseXa
A candidata pide unha oportunidade de catro anos para rematar con preto de medio século de bipartidismo e defende melloras ferroviarias e viarias para a comarca
BNG Noa Presas O Carballiño
27 Nov 2026

A cabeza de lista do BNG por Ourense, Noa Presas, trasladou este xoves no Carballiño a súa petición de concentrar o voto na formación nacionalista como vía para rematar con preto de 50 anos de alternancia entre PP e PSOE na provincia. Durante un encontro coa veciñanza da localidade, reclamou unha oportunidade de catro anos para, nas súas palabras, marcar un punto de inflexión na representación política de Ourense.

No acto participaron tamén o candidato do BNG Manuel Caíña e Manuel Chan, quen encabezará a candidatura do partido á alcaldía do Carballiño nas vindeiras eleccións municipais.

Presas sostivo que ambos os dous partidos maioritarios contaron con representación en Madrid durante décadas sen que iso se traducise en melloras reais para a provincia. "Pasan o Padornelo e sempre se esquecen de Ourense", afirmou, en referencia ao que considera un desinterese reiterado cara á comarca unha vez chegados ao Congreso.

Entre as prioridades expostas para O Carballiño, a candidata destacou o impulso das infraestruturas ferroviarias, tanto para reforzar a conexión coa cidade de Ourense como para recuperar comunicacións co resto de Galicia. Neste sentido, defendeu a implantación dun metro lixeiro en superficie que uniría a vila coa capital provincial, facilitando así o acceso a servizos sanitarios, universitarios, administrativos e ás zonas industriais do entorno.

A isto súmase o compromiso de traballar pola recuperación de conexións ferroviarias con outras zonas de Galicia, aproveitando trazados xa existentes que, segundo denunciou, quedaron desatendidos e en progresivo deterioro nos últimos anos pola xestión de PP e PSOE.

Presas tamén incidiu na necesidade de actuar sobre a N-541, reclamando a súa mellora, así como a construción dunha circunvalación no Carballiño. Ambas as dúas actuacións, sinalou, resultan clave para reforzar a seguridade viaria, axilizar a mobilidade na zona e aliviar o tráfico que actualmente atravesa o núcleo urbano da localidade.

"O Carballiño necesita investimentos e solucións, non máis promesas incumpridas. Queremos levar ao Congreso unha voz propia que traballe para conseguir avances concretos para a vila e para todo Ourense", asegurou a candidata.

Para pechar o acto, Presas reiterou o seu chamamento a reunir o apoio electoral arredor do BNG de cara á cita do 29 de novembro, defendendo que a provincia ten diante de si a posibilidade de abrir unha etapa distinta tras décadas de alternancia entre os dous grandes partidos.

0.26764583587646