Presentada a camiseta oficial da Carreira da Muller de Ourense de 2025

A deputada de Igualdade, Teresa Barge, participou hoxe no Pazo Provincial na presentación da camiseta oficial da Carreira da Muller, acompañada polos organizadores da proba, do Clube Runmaniak Box001 Ourense. A carreira, que conta coa colaboración de diversas institucións e colectivos, entre elas a Deputación de Ourense, é competitiva e inclusiva. O obxectivo é reivindicar o papel da muller, especialmente no deporte.
A proba, con motivo do Día Internacional da Muller, celébrase este domingo, 9 de marzo, a partir das 11.00 horas con saída e chegada na Praza Maior. Será unha carreira absoluta de cinco quilómetros, cun circuíto urbano.
Dez minutos antes da proba, haberá un circuíto inclusivo, dun quilómetro de lonxitude para persoas con mobilidade reducida.
A inscrición xa bateu récords, con preto de 800 participantes anotados este venres.