Presentada a documentación definitiva da candidatura da ‘Ribeira Sacra: Paisaxe da auga’ a Patrimonio Mundial

RibeiraSacraXa | OurenseXa
A proposta céntrase en seis atributos especiais deste territorio que abrangue as provincias de Lugo e Ourense e que o dotan dun “valor universal e excepcional”
presentacion-ribeira-sacra-fitur
Presentación de la Ribeira Sacra en FITUR 2025
23 Jan 2025

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, anunciou este mércores pola tarde en Fitur que a Xunta xa ten entregada toda a documentación definitiva da candidatura da Ribeira Sacra: Paisaxe da auga a Patrimonio Mundial. Fíxoo nunha presentación no expositor de Galicia na Feira Internacional de Turismo xunto co Consorcio de Turismo Ribeira Sacra.

“Galicia cumpriu rigorosamente cos trámites e cos tempos exixidos”, aseverou o representante de Cultura Goberno galego, quen precisou que, nun primeiro lugar, a Xunta realizou o envío do expediente definitivo ao Ministerio de Cultura, xa que lle corresponde a este departamento a presentación ante o Centro de Patrimonio Mundial, situado na capital francesa. “E así se fixo, tras a súa revisión, e antes do prazo máximo marcado, que era o 1 de febreiro”, valorou o conselleiro.

“Trátase de pasos claves co obxecto de que agora toda esta documentación sexa revisada polos organismos avaliadores da Unesco”, precisou López Campos. Ante esta  novo escenario, asegurou que a Xunta afronta con “boas expectativas” esta recta final da candidatura, que cualificou de “madura, mellorada e ampliada” e da que apuntou que nela se tivo en conta a importancia da auga e das achegas de técnicos, expertos, veciños e axentes locais.

Ao respecto, fixo fincapé en que a proposta presenta unha paisaxe construída co uso da auga “dun xeito novidoso que non está presente aínda de xeito suficiente na Lista de Patrimonio Mundial”, argumentou o máximo responsable de Cultura do Goberno galego.

BOAS SENSACIÓNS

Precisamente, enxalzou as “boas sensacións” recollidas pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude durante todo este proceso e agradeceu a “total implicación e o compromiso” tanto aos equipos técnicos da área de patrimonio como do Ministerio de Cultura e a Embaixada de España ante a Unesco.

Neste senso, insistiu en que desde o Goberno galego se ten o “convencemento de que a recompensa a todo este traballo conxunto está preto e que en 2026 todo o mundo recoñecerá o gran valor da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial da Unesco”.

No acto, ademais do conselleiro, tamén formaron parte a directora xeral de Patrimonio Cultura, Mª del Carmen Martínez, o presidente do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, Luis Fernández Guitián, e os presidentes das Deputacións provinciais de Lugo e Ourense, José Tome e Luis Menor, respectivamente.

CARÁCTER ÚNICO

O conselleiro lembrou que a candidatura da Ribeira Sacra: Paisaxe da Auga pon en valor que se está ante un territorio que abrangue as provincias de Lugo e Ourense e que posúe “un valor universal e excepcional”. Precisamente, a proposta céntrase en seis atributos especiais para deixar constancia do seu carácter único.

Un destes valores que se enxalzan son os canóns e vales fluviais esculpidos pola auga e que achegan uns espectaculares trazos físicos que dan á paisaxe cultural un toque singular. En concreto, a candidatura fai fincapé nos meandros, no encaixe no territorio e na paisaxe dos ríos Miño e Sil, nas topografías abruptas, na rede hidrográfica ou nos cursos da auga, entre outros. Así mesmo, ponse en valor unha estrutura territorial singular marcada polo sinal da auga, que se reflicten nas particulares formas de ocupación do espazo fluvial e tamén na organización en diferentes parroquias.

Por outra banda, a proposta dá un espazo relevante ao patrimonio hidráulico, con infraestruturas que teñen chegado aos nosos días desde a revolución tecnolóxica medieval á irrupción da hidroelectricidade. Así, recóllense no expediente a numerosa cantidade de muíños,  centrais ou os saltos impresionantes de auga.

A permanencia dos sistemas tradicionais de cultivo nas vertentes dos canóns fluviais constitúen outros dos elemento estrela da candidatura, onde se destacan as terrazas e socalcos, escenarios dunha forma de viticultura extrema en pendente, que ten merecido o cualificativo de ‘heroica’.  Outros dos atributos resaltados na proposta afecta á pegada eremítica e monástica e o papel relevante neste territorio dos mosteiros ou as igrexas. Por último, a candidatura ten ao seu favor a carta do capital biocultural e do patrimonio inmaterial, como son as estas e tradicións, a sacralización de fontes ou minas, a toponimia ou os mitos e lendas vencelladas á auga.

0.16765999794006