Presentada en Lugo a campaña “Merca no teu comercio 2026” para dinamizar o comercio local

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa | ACoruñaXa | PontevedraXa | OurenseXa
A iniciativa desenvolverase nas catro provincias con sorteos e premios para fomentar as compras de proximidade
Campaña-Merca-No-Teu-Comercio-Lugo-2026
27 Apr 2026

A campaña “Merca no teu comercio 2026” foi presentada en Lugo nun acto organizado pola Xunta e a Federación Galega de Comercio, co obxectivo de estimular a demanda e poñer en valor o comercio de proximidade, especialmente nos municipios rurais e nos barrios que non contan con asociación comercial. Na presentación participou tamén o presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas.

A iniciativa estenderase ás catro provincias galegas a través de dez campañas de 15 días de duración cada unha, que finalizarán coa entrega dos correspondentes premios. As accións de dinamización desenvolveranse entre os meses de maio e outubro, enmarcadas no convenio de colaboración entre a Xunta e a Federación Galega de Comercio orientado á innovación e á revitalización do sector.

Para participar, as persoas consumidoras da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra deberán rexistrar as súas compras a través da web www.mercanoteucomercio.com, aínda que tamén poderán ser rexistradas polo propio comerciante na plataforma, o que duplica as opcións de participación e incrementa as posibilidades de premio. En cada campaña sortearanse 20 tarxetas prepago de 50 euros, canxeables nos establecementos comerciais das localidades participantes.

Durante a presentación, o director xeral de Comercio e Consumo destacou a importancia deste tipo de accións para impulsar a actividade comercial e garantir o futuro dos negocios mediante a promoción da remuda xeracional. Ademais, detallou que as primeiras campañas terán lugar entre o 1 e o 15 de maio en concellos como A Pobra do Caramiñal e Porto do Son, na Coruña; Taboada, Palas de Rei, Monterroso e Antas de Ulla, en Lugo; Mos, Gondomar e Nigrán, en Pontevedra; e no barrio ourensán do Couto.

Os sorteos das tarxetas prepago celebraranse o 18 de maio, mentres que a entrega dos premios terá lugar a finais dese mesmo mes.

0.12103486061096