Presentan en Ourense o libro 'Chronicon Auriensis', unha viaxe pola historia da cidade desde a Prehistoria ata a Idade Media
O Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense acolleu este martes a presentación do libro Chronicon Auriensis. Unha viaxe dende a Prehistoria ata a Idade Media, unha obra do escritor e divulgador histórico Alberto Cacharrón que percorre os principais episodios da historia da cidade desde os seus primeiros asentamentos ata os inicios da Idade Moderna.
No acto participou o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, acompañado polo autor da publicación, Alberto Cacharrón; o ilustrador Miguel Mosquera; e representantes de Teófilo Edicións.
Durante a presentación, Luis Menor destacou o valor da obra e asegurou que se trata de “moito máis que un libro de historia”, ao considerar que representa “un exercicio de memoria colectiva que nos invita a redescubrir quen somos, de onde vimos e por que Ourense é o que é hoxe”.
O presidente provincial tamén puxo en valor a capacidade da publicación para divulgar contidos históricos entre o público xeral sen renunciar ao rigor documental. Neste sentido, afirmou que “nun tempo no que todo parece inmediato e efémero, obras como esta lembran a importancia de coñecer as nosas raíces. Unha sociedade que coñece a súa historia é tamén unha sociedade máis forte, máis consciente da súa identidade e mellor preparada para construír o seu futuro”.
Ao longo das súas páxinas, Chronicon Auriensis aborda distintos momentos clave da evolución histórica da cidade, desde a presenza dos primeiros poboadores no val do Miño ata o mundo castrexo, a etapa romana, a expansión do cristianismo, o Reino Suevo, as incursións viquingas ou a configuración política e relixiosa da Idade Media.
Luis Menor incidiu ademais na visión que a obra ofrece de Ourense como “un auténtico crisol de culturas”, destacando a convivencia ao longo dos séculos de pobos, tradicións e crenzas que contribuíron a conformar a identidade actual do territorio.
Durante a súa intervención, o presidente provincial reiterou tamén o compromiso da Deputación coa promoción cultural e coa divulgación histórica. “Seguiremos apoiando iniciativas que contribúan a preservar e difundir o noso patrimonio material e inmaterial, porque a cultura é unha ferramenta de cohesión, coñecemento e desenvolvemento”, sinalou.
Tamén trasladou o seu recoñecemento ao autor polo “enorme traballo de investigación e síntese” realizado para a publicación, ademais de destacar a contribución artística de Miguel Mosquera, indicando que as súas ilustracións “amplían a experiencia da lectura e achegan unha nova mirada artística aos feitos narrados”.
A presentación completouse coa inauguración dunha exposición vinculada ao libro, instalada no propio Centro Cultural Marcos Valcárcel, que amplía e contextualiza o percorrido histórico proposto na publicación. O acto concluíu cun convite aos asistentes a descubrir a obra e afondar no pasado histórico da cidade e da provincia.