Presentan en Ourense unha nova liña de axudas para rehabilitar vivendas destinadas a persoas traballadoras

OurenseXa
A convocatoria, dirixida a municipios de menos de 20.000 habitantes, busca facilitar o acceso á vivenda, cubrir necesidades laborais e contribuír á fixación de poboación
xunta-axudas-vivenda-ourense
2 Jul 2026

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, mantivo un encontro na Delegación Territorial con entidades e representantes dos concellos de menos de 20.000 habitantes das comarcas de Ourense, Allariz-Maceda e Terra de Caldelas para informar sobre a nova convocatoria de axudas destinada á rehabilitación de vivendas para persoas traballadoras.

Segundo explicou o representante autonómico, esta iniciativa impulsada de maneira conxunta polas consellerías de Emprego, Comercio e Emigración e de Vivenda e Planificación de Infraestruturas pretende responder ás necesidades de man de obra do tecido produtivo, especialmente nos sectores considerados estratéxicos, ao tempo que busca mellorar o acceso á vivenda, contribuír á fixación de poboación e reforzar a vertebración territorial nos municipios de menor tamaño.

Poderán optar a estas axudas propietarios, usufrutuarios ou cesionarios do uso das vivendas durante un prazo mínimo de dez anos. Entre os posibles beneficiarios inclúense empresas que contraten persoal, persoas físicas ou xurídicas e tamén concellos que asinen acordos para destinar os inmobles rehabilitados ás persoas traballadoras.

Para a valoración das solicitudes teranse en conta diferentes criterios, entre eles a distancia entre a vivenda e o posto de traballo, a proximidade a unha parada de transporte público ou a unha vía de alta capacidade, así como aspectos relacionados coa sustentabilidade das actuacións. Tamén se dará prioridade ás vivendas destinadas a traballadores de sectores considerados estratéxicos, como o agroalimentario, o forestal ou o dos coidados ás persoas.

Durante a reunión, Manuel Pardo sinalou que esta convocatoria constitúe unha iniciativa pioneira no ámbito das políticas públicas da Xunta ao integrar nun mesmo instrumento actuacións relacionadas coa vivenda e co emprego, co obxectivo de facilitar a cobertura de vacantes laborais e contribuír á revitalización do territorio.

A convocatoria permanecerá aberta ata o próximo 15 de xullo e contará cun orzamento distribuído en dúas liñas de axudas diferenciadas. A primeira delas, dotada con 750.000 euros, está destinada a empresas e persoas físicas ou xurídicas que se comprometan a poñer as vivendas rehabilitadas ao servizo dos seus traballadores. A segunda liña, tamén con 750.000 euros, diríxese aos concellos que formalicen os correspondentes acordos coas empresas.

As subvencións poderán empregarse na rehabilitación de vivendas unifamiliares, así como de edificios residenciais colectivos inacabados ou en situación de esqueleto inmobiliario. Entre as actuacións subvencionables inclúense traballos de terminación ou ampliación dos inmobles, obras de accesibilidade, conservación, habitabilidade, eficiencia enerxética e sustentabilidade, ademais de gastos vinculados a informes técnicos ou trámites administrativos. Tamén se contempla a posibilidade de solicitar axudas para contratar seguros de impago do alugueiro ou da cesión de uso.

No caso das vivendas unifamiliares, as axudas poderán alcanzar ata o 95% do orzamento protexido das obras, cun máximo de 50.000 euros

0.12898302078247