Preto de 1.700 escolares asisten esta semana á representación ‘Vuelapluma’ no Auditorio Municipal

O Auditorio Municipal de Ourense acolle este luns 27 de abril a representación de ‘Vuelapluma’, unha proposta escénica da compañía Periferia Teatro incluída na programación educativa de Afundación, a Obra Social de ABANCA. As funcións están previstas en dúas sesións, ás 10.00 e ás 12.00 horas, dirixidas a alumnado de Educación Infantil.
A actividade continuará tamén mañá, 28 de abril, e está previsto que en total asistan arredor de 1.700 estudantes procedentes de 37 centros educativos da provincia de Ourense.
O espectáculo presenta a historia dun paxaro que, tras vivir sempre nunha gaiola, descobre a liberdade de voar. A proposta combina monicreques, música e elementos de carácter visual para ofrecer un relato pensado para o público infantil, no que se abordan cuestións como o respecto, a liberdade, o crecemento persoal ou a relación coa natureza.
Esta iniciativa forma parte da programación que Afundación desenvolve cada curso para escolares, na que as artes escénicas ocupan un lugar destacado como ferramenta educativa. O obxectivo é complementar a formación do alumnado mediante actividades que fomenten valores e habilidades como a creatividade, a autonomía, o traballo en equipo ou a capacidade de reflexión.