Preto de 40 persoas reuníronse en Nogueira de Ramuín arredor do feminismo grazas ao programa Maruja Mallo

Preto de 40 persoas participaron a pasada fin de semana na Escola de Moura, en Nogueira de Ramuín, nunha nova actividade do programa Maruja Mallo, centrada na reflexión arredor do feminismo, a violencia de xénero e o tratamento do corpo das mulleres no cine, a publicidade e a sociedade.
A xornada incluíu a proxección dun documental de Isabel Coixet e unha conferencia e posterior debate guiados por Laura Seara. A actividade permitiu abordar estas cuestións desde diferentes perspectivas e favorecer o intercambio de reflexións entre as persoas asistentes.
A organización agradeceu tamén a colaboración de Katia, dos Servizos Sociais do Concello de Nogueira de Ramuín, polo seu acompañamento durante a actividade e pola preparación dos petiscos e da sesión de cinema.
O programa puxo especialmente o foco na participación das mulleres e das novas xeracións, coa presenza de nenas, adolescentes e mozas. A organización destacou a importancia de contar tamén coa participación de homes que apoian estas iniciativas e se implican na construción da igualdade.